"Danse síntomas neurolóxicos no 40% ao 60% dos hospitalizados"

Esta investigadora Sonia Villapol, natural de Bretoña, forma parte do equipo de investigación internacional do covid-19, un grupo de científicos de 28 institucións punteiras en todo o mundo que aspira a mellorar o coñecemento do virus e acadar avances terapéuticos. Participa dende Houston, onde investiga a microbiota como elemento de pronóstico
A investigadora Sonia Villapol. EP
photo_camera A investigadora Sonia Villapol. EP

A Neurocientífica Sonia Villapol céntrase nesta entrevista en sinalar cales son as consecuencias neurolóxicas máis frecuentes durante a fase aguda da enfermidade do covid-19 e unha vez superada e como poden darse incluso en pacientes leves ou con poucos síntomas.

En que proxectos de investigación do covid está a traballar o seu equipo?

As liñas de traballo que levamos hai uns meses relaciónanse coa identificación de cambios da microbiota intestinal dos pacientes da covid-19 e a súa asociación co prognóstico da enfermidade e a súa severidade, coa finalidade de atopar un beneficio terapéutico. Pero transcorridos os meses estamos vendo como algúns pacientes recuperados do covid-19 ingresan no hospital de novo con problemas neurolóxicos, especialmente cerebrovasculares. Estamos avaliando varios parámetros neurolóxicos coa flora microbiana nos pacientes hospitalizados, pero tamén nos recuperados. En paralelo temos unha colaboración cun hospital de Arxentina nun proxecto similar onde analizamos o tratamento con prebióticos que favorecen unha microbiota máis saudable nos pacientes do covid-19 durante o período de hospitalización e como isto afecta á súa recuperación. Tamén rematamos a análise das secuencias xenéticas do SARSCoV- 2, que variaban a medida que o virus se transmite. Este estudo está a punto de publicarse.

Cales son as consecuencias neurolóxicas do covid que se dan con maior frecuencia?

Van desde dores de cabeza e perda do olfacto ou do gusto, que son uns dos primeiros síntomas despois da infección, ata ansiedade, epilepsia, depresión, confusión ou pérdida de memoria ou da vista. Outros síntomas coma o formigueo ou adormecemento poden ocorrer cando os nervios danados polo virus envían sinais erróneas. Estas consecuencias observáronse no 40 ao 60% dos pacientes do co-vid-19 hospitalizados segundo diferentes estudos. A maioría destes síntomas desapareceron nunhas semanas ou meses. Outros síntomas menos frecuentes pero que se observaron no 1,4% dos pacientes hospitalizados tamén foron derrames cerebrais ou tromboses, especialmente en xente máis nova, e en persoas maiores que levaban un tempo hospitalizadas e foron diagnosticadas con estados de psicose. Outras afeccións que se describiron foron extremadamente raras, coma a encefalite ou síndrome de Guillain-Barré.

Chega este virus ao cerebro, como o zika por exemplo, ou esas consecuencias son froito da inflamación que provoca a enfermidade?

Non, a infección do virus do zika durante o embarazo causou microcefalia nos bebés. O SARS-CoV- 2 ao ser un virus respiratorio pode chegar ao cerebro por distintas vías, pero non está definida a vía predominante de entrada. Recentemente saíu publicado un estudo no que se analizaron os cerebros de persoas que faleceron de covid-19, e no 53% dos casos o SARS-CoV-2 detectouse no cerebro, e curiosamente isto foi independente da severidade dos danos neuropatolóxicos que se observaron. A primeira vía de entrada do virus que se suxeriu foi polo nariz e a través do bulbo olfactorio chega ao cerebro. A pesares disto sabemos que as neuronas teñen unha expresión baixa dos receptores de entrada do coronavirus, os chamados ACE2, polo tanto menos probabilidade de que exista este tipo de neuroinvasión. Por outra banda, ben é certo que a inflamación sistémica que se produce despois da invasión do virus no tracto respiratorio provoca unha alteración do sistema inmune periférico. O SARS-CoV-2 invade as células dos vasos sanguíneos no torrente sanguíneo representando así a vía pola que tamén chega ao cerebro, ao atravesar a barreira hematoencefálica.

Seméllanse as consecuencias neurolóxicas desta enfermidade ás que se dan noutras enfermidades virais? E, nese caso, qué cabería esperar? Serían permanentes?

Temos poucos datos dos anteriores coronavirus, tanto o SARS-CoV ou o MERS, porque sen dúbida non tiveron o impacto nin as consecuencias que está a ter o SARSCoV- 2. Pero tamén foron detectados no cerebro, e sabemos que tamén induciron nalgúns casos hemorraxias cerebrais, parálise, pérdida de coñecemento, encefalite, polineuropatía, ou mesmo desmielinización, un proceso asociado con enfermidades neurodexenerativas. Moitas destas patoloxías teñen maiores ou menores secuelas. No caso dos outros coronavirus non existen estudios neurolóxicos a longo prazo nos que nos poidamos apoiar, debido ao baixo impacto que tivo na poboación.

Parece que a confusión, a perda de memoria e as dificultades de concentración son secuelas frecuentes nos afectados por Covid persistente, eses enfermos que, pasados meses da súa infección, seguen a ter síntomas intermitentes da enfermidade. Poderanse recuperar co tempo?

Espérase que estes episodios sexan transitorios, pero preocupa máis coma poden afectar a longo prazo no desenvolvemento de outras patoloxías relacionadas. A fin da pandemia non significará a fin da enfermidade, as secuelas a longo prazo serán o que perdure cando remate a pandemia, será o preludio de desconcertantes secuelas, como aconteceu coa gripe do ano 1918. No caso do covid-19, a confusión, delirio ou outros tipos de función mental alterada, coma a encefalopatía, aconteceron durante a hospitalización por problemas respiratorios da enfermidade, e estes pacientes precisaron de períodos longos de hospitalización. Nun estudo francés viron que o 34% dos pacientes tiñan perda de memoria, confusión e problemas de concentración meses despois. Nos casos presentados estes problemas remitiron e agárdase que as secuelas desaparezan pero cóntase cunha recuperación lenta. As causas destes problemas neurolóxicos seguen a estudarse xa que existe moita variedade nos síntomas. A resposta máis sinxela podería ser que a xente recuperada do covid-19 despois de diminuír a infección inicial, aínda ten unha activación inmune persistente cunha liberación de toxinas que afectan ao cerebro.

"Hai evidencias de aumento da prevalencia do párkinson ou alzhéimer por infeccións virais"

Nalgúns estudos obsérvanse secuelas, por exemplo cardiolóxicas, aínda en xente que foi asintomática. Pasa o mesmo coas neurolóxicas ou só se observan en pacientes que foron hospitalizados?

Si, é certo. Existe moita xente infectada que non require hospitalización, ou con síntomas leves, pero que presentan oleadas de síntomas neurolóxicos, incluíndo a fatiga, alucinacións, néboa cerebral, delirio, perda de memoria, taquicardia, adormecemento e formigueo. Algunhas persoas con néboa cerebral aínda experimentan problemas pulmonares ou cardíacos, o que pode agravar os síntomas neurolóxicos. Moitos deles desenvólvense independentemente da gravidade dos síntomas respiratorios do covid.

Pode predispoñer esta infección a enfermidades como o alzhéimer? E ao párkinson?

Si, hai moitas evidencias previas de danos no cerebro por culpa de infeccións virais, cun aumento na prevalencia da enfermidade de alzhéimer ou párkinson. Polo momento xa se presentou un caso clínico dun paciente que desenvolveu párkinson. Agora é o tempo tamén de empezar a centrarse na xente recuperada do covid-19 e que segue a sufrir secuelas, para reducir o risco de que se desenvolvan patoloxías neurolóxicas graves ou enfermidades neurodexenerativas no futuro.

Comentarios