Daniel Piñeiro: "Ningún sindicato me ameazou por temas anteriores nin actuais"

Non é de afoutezas, pero, como William Wallace en 'Braveheart0, di: "Non nos vestimos para nada". Cando se fixo cargo de Persoal asumiu as dificultades e, coa primeira folga de funcionarios en décadas, non se engurra. Pero, para despois de maio, mellor medio ambiente

Daniel Piñeiro, concelleiro de Medio Ambiente, Urbanismo e Persoal. J. VÁZQUEZ
photo_camera Daniel Piñeiro, concelleiro de Medio Ambiente, Urbanismo e Persoal. J. VÁZQUEZ

O CONCELLO de Lugo vive a primeira folga xeral en catro décadas, secundada por traballadores de moitos servizos. Séntese cuestionado?
O primeiro que se cuestiona a si mesmo son eu, sempre.

E sente que os traballadores e os cidadáns dubidan da súa xestión?
É unha obriga dos cidadáns cuestionarnos, vai no posto, é normal verte cuestionado, e hoxe en día aínda máis coas redes socais. Polos traballadores, neste momento é evidente que si, pero tamén eu son crítico con algúns ás veces.

Coa perspectiva actual, tería enfocado a negociación doutro xeito?
Partíamos dun punto moi complicado, sen poder aumentar a masa salarial nin os cadros de persoal, podendo cubrir só unha porcentaxe das xubilacións... Era moi difícil con todo iso en contra facer unha nova organización, tendo en conta ademais cuestións como a implantación da administración electrónica, que hai postos que hoxe en día non teñen moita razón de ser, que hai traballadores con informes médicos que foron trasladados a outros postos, cunha RPT de 2006 na que non había un estudo pormenorizado posto a posto, sen unha valoración do complemento específico... Poderíamos ter seguido co traballo que fixera a empresa, ter tres reunións e aprobala con tódolos sindicatos en contra, pero tentamos buscar o máximo consenso.

É normal verte cuestionado, pero eu son o primeiro que me cuestiono sempre, con folga ou sen ela

O respaldo sindical do que se fala é enganoso porque na mesa non está Ágora, sindicato que representa a máis funcionarios, ao que ademais non se lle deu participación nas mesas de traballo, a pesar de que vostede manifestara esa vontade algunha vez. Foi un erro?
As mesas pensáronse como mesas de traballo da mesa xeral de negociación. Non se plantexou doutro xeito porque sería raro que estiveran sindicatos que despois non ían votar. As mesas de traballo foron reunións de negociación en si.

O raro parece non escoitar e negociar as súas propostas.
Nós escoitamos e estudamos todas as propostas. Todo o mundo tivo acceso ao documento. Recibimos propostas ata dalgún xefe de servizo que non tiña nada que ver con ningún sindicato.

Os sindicatos críticos din o contrario, que non houbo disposición a escoitalos.
Non recordo se todos fixeron propostas. Sei que a CIG presentou un escrito con cuestións moi relacionados coa valoración dos postos o mesmo día da mesa de negociación.

En todo caso, ¿como se explican subas no complemento específico tan dispares como a de 430 euros dun policía e a de 50 dun administrativo, nun corpo con particularidades pero tamén con menos xornada laboral, que ten posto contra as cordas a gobernos e cuxa labor é cuestionada pola cidadanía en moitos momentos?
Todas as valoracións son obxectivas, segundo marca a lexislación. O problema é que a xente compara colectivos distintos, e o que hai é que comparar a Policía de Lugo coa doutras cidades, por exemplo.

Circula tamén, como saberá, a lectura de que a alcaldesa e o concelleiro buscan ter de man a Policía Local, tamén por cuestións relacionadas coa xestión de gobernos anteriores, no seu caso pola vinculación familiar [o seu pai foi concelleiro]. 
Esa teoría non explica a suba do complemento específico dos bombeiros. Nunca recibín ameazas de ningún sindicato sobre temas anteriores nin actuais.

A situación é mellor que en 2015; hai catro Opes en marcha, máis xente contratada, as licenzas tardan menos...

Presentan a RPT como clave para solucionar os problemas de persoal do Concello, pero igual era máis efectivo axilizar a cobertura de prazas. Están niso, pero por que tardan tanto? Aínda están saíndo as da Ope de 2015.
Tardan o mesmo ca noutras administracións. As de veterinarios da Xunta que houbo este verán eran da Ope de 2014. Neste concello pas qaue como había tanto que non había convocatorias, porque dende 2011 non había Ope, houbo que poñer a maquinaria a funcionar, facer os temarios, por exemplo, que estaban obsoletos.

Cos servizos mínimos non semella que a incidencia directa e inmediata aos cidadáns da folga sexa alta, pero en Contratación, departamento clave por todos os proxectos que o Concello ten pendentes de sacar hai moito persoal de folga. Como vai afectar iso á cidade?
Levamos traballando moito todo o ano, non deixamos todo para o último día. Hai moitos proxectos consignados, tramitados, en licitación... A folga vai atrasar algo, pero neste mes parón xa ía haber polas quendas de Nadal, as vacacións que están sen gastar...

En persoal, como noutras áreas, este goberno recibiu unha herdanza complicada. Será peor a que deixe Daniel Piñeiro?
A situación é mellor. Hai catro Opes en marcha, este ano fixéronse máis do dobre de contratos ca nun ano normal, reducimos o tempo de concesión das licenzas, este martes saíu a lista de admitidos para as oposicións de bombeiros..., que para min é o máis importante, dar traballo á xente. 

Repetirá como concelleiro nas eleccións de maio?
Son un membro máis do PSOE e estou ao que manden.

E, nese caso, gustaríalle, e sería oportuno, que seguira levando a área de persoal?
Xa sabe que a min o que me gusta é o medio ambiente,

Comentarios