A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, deu conta das novas medidas a aplicar no Mercado de Frigsa, que entrarán en vigor este venres.
López sinalou que os distintos postos do Mercado deberán chegar ao recinto entre as 8 e as 10 da mañá, coa idea de que todos os postos deberán estar colocados a esta hora como moi tarde. Ademais, o número de espazos a ocupar polos feirantes está limitado a 52. Terán preferencia os postos cuxas persoas titulares sexan do concello de Lugo, e dentro destes, os adicados á alimentación.
O resto de postos asignaranse cada día de Mercado por orde de chegada. A zona ubicada na contorna do Auditorio Municipal será precintada, evitando o asentamento de postos.
A edila sinalou que "desde o momento no que se permitiu a reapertura dos mercados, traballamos para garantir que se cumpriran todas as medidas e restricións anunciadas polas distintas autoridades sanitarias".
De cara a controlar a cabida, o acceso da veciñanza limitarase á última porta do parque, situada preto das piscinas municipais, quedando as dúas entradas restantes pechadas.
López criticou "que a Xunta de Galiza non publicase os decretos coas novas restricións ata escasas dúas horas antes da súa entrada en vigor". Segundo a edil de Participación, "este retraso por parte do goberno galego atrasou a nosa aplicación das normas, deixándonos só un día para informar á veciñanza da nova situación do Mercado de Frigsa".