12-X: os candidatos por Lugo, a exame

A carreira electoral cara o 12-X xa está lanzada. Os candidatos por Lugo das catro principais formacións ofrecen nestas entrevistas unha primeira aproximación ao que será unha campaña marcada pola pandemia e desvelan cales serán as claves para convencer aos seus votantes.
Candia, Fernán Vello, Otero e Rodil. EP
photo_camera Candia, Fernán Vello, Otero e Rodil. EP

"Ante a crise, a xente busca seguridade e estabilidade, certezas"

Elena Candia. EPA presidenta do PPdeG na provincia encabeza un cartel popular que reforzou o seu perfil político con outros técnicos. Elena Candia (1978) foi alcaldesa de Mondoñedo desde 2015 e deputada provincial hasta renunciar para ir nas listas. Durante un breve e convulso período de tempo mesmo chegou a ser a primeira muller en presidir a Deputación. Licenciada en Dereito, a súa carreira profesional desenvolveuse no ámbito da xestión administrativa e os seguros. Sabe que o seu partido afronta esta eleccións co vento a favor, en especial porque conta cun valor que é unha marca en si mesmo: Feijóo, un nome que aparece reiteradamente no seu discurso. A súa aposta, a seguridade e a estabilidade. O seu reto, manter a provincia de Lugo como o graneiro de votos do PP que sempre foi.

A que atribúe que moitos partidos que concorren por Lugo apostasen por encabezar listas con mulleres?​ Non sei como funcionan o resto de partidos, pero o compromiso do PP de Galicia coa igualdade é inequívoco. En todo caso, quero pensar que escolleron a unha muller pola súa capacidade e non polo seu xénero. Pero se apostando por min lanzan á súa vez unha mensaxe de concienciación co feminismo, pois tanto mellor.

Cre que vai ser esta unha campaña electoral rara por mor da crise da pandemia de Covid-19? As circunstancias son excepcionais, obviamente. Afectan a toda a nosa vida diaria e por suposto tamén afectarán á campaña destas eleccións autonómicas. A saúde é o que temos que salvagardar por riba de todo. É a nosa prioridade, e en función diso faremos a campaña.

Que resultados prevé para o seu partido na provincia e en Galicia nestas eleccións autonómicas?​ Intentaremos convencer con argumentos, explicar o noso balance e a nosa proposta de futuro para acadar o mellor resultado posible. Farémolo con moita humildade e moita prudencia, pero tamén coa contundencia de crer nun proxecto político e nun líder, Alberto Núñez Feijóo que, sen ningún tipo de dúbida é o mellor. Máis ca nunca é importante unha boa xestión. Eu creo que o noso forte nesta crise foi precisamente iso, unha boa xestión. España mirou para Galicia como exemplo a seguir...

Que temas considera que van ser fundamentais nestas eleccións: a crise sanitaria, a industrial...? Creo que a reactivación económica é fundamental, e dígoo non só electoralmente. Tamén o compromiso co emprego e a capacidade de impulsar, de apoiar a pemes e autónomos é moi importante. Somos un partido, con Feijóo á cabeza liderando, que sempre demostrou a súa valía na xestión de recursos públicos e de equipos. Ante a crise sanitaria, a xente busca certezas, seguridade e estabilidade. E aí nos van atopar.

Cre que a crispación política que se está a vivir en España se pode trasladar a Galicia? As persoas que participamos nun proxecto político debemos escoitar á xente. Polo menos, as que eu escoito piden respostas e xestións, e fuxir de enfrontamentos e da confrontación; o que non quita que debater sempre pode ser enriquecedor. Así o podo afirmar dende a miña experiencia tanto a nivel local como provincial. Ben é certo que sempre intentei fuxir de debates estériles e conquerir encontros e solucións. Non son palabras. Son feitos. Recordo o Plan Único da Deputación. Se hoxe existe, foi grazas ao traballo do grupo do PP.

"Feijóo está esgotado, non ten proxecto ningún para Galicia"

Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958). AEPMiguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958) aspira a facer valer o seu traballo como deputado por Lugo en Madrid para rabuñar para Galicia en Común votos do espazo de esquerda en Lugo. Este escritor, editor e compositor deu o salto á política desde Anova e En Marea, aínda que sempre estivo comprometido na defensa da cultura e a lingua galegas. O seu grupo forma unha das tres patas da fronte non xa contra o PP, senón contra Feijóo, obxectivo dos seus principais dardos consciente de que o presidente galego é tamén o principal activo dos populares na comunidade. Confía en trasladar a Galicia o pacto e o cambio que foi posible en Madrid.

Para iso, Galicia en Común poñerá o acento naqueles puntos que tamén están caracterizando a política de Unidas Podemos no Goberno central: políticas sociais e de defensa dos servizos públicos.

A que atribúe que moitos partidos que concorren por Lugo apostasen por encabezar listas con mulleres? Coido que é unha forma de normalidade. En Galicia en Común elaboramos listas cremalleira, paritarias. Nós somos unha forza política feminista e consideramos que é preciso que as mulleres, na representación política, como é o caso, e na vida en xeral, estean en primeira liña.

Cre que vai ser esta unha campaña electoral rara por mor da crise da pandemia de Covid-19? Vai ser unha campaña electoral distinta. Nunca se deron as circunstancias que se dan na actualidade por mor dunha pandemia como a que vivimos. Hai que seguir todas as medidas de seguridade sanitaria que sexan precisas e levar a cabo os actos de comunicación política, que é o deber que temos de cara á cidadanía.

Que resultados prevé para o seu partido na provincia e en Galicia nestas eleccións autonómicas?​ Lugo e Galicia precisan un cambio. Despois de dez anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo, o país sofre unha parálise moi grave en moitos eidos. No sanitario, no industrial, no educativo, no cultural... Feijóo está esgotado, non ten proxecto ningún para Galicia. Hai que abrir as portas e as fiestras para que entre un novo aire fresco e limpo. Lugo vai ser clave para que exista un novo Goberno na Xunta sen Feijóo, e Galicia en Común formará parte dese Goberno de progreso para a nosa terra.

Que temas considera que van ser fundamentais nestas eleccións: a crise sanitaria, a industrial...? O tema sanitario, o industrial, a agricultura, o sector do mar, a vivenda, o emprego, a cultura, o comercio... Nós defendemos os servizos públicos, unha sanidade pública universal, gratuíta e de calidade, por exemplo. E queremos levar a cabo un plan urxente de recuperación económica, unha vez superada a pandemia, para poder trazar un horizonte de futuro para os traballadores, para a cidadanía luguesa e galega no seu conxunto.

Cre que a crispación política que se está a vivir en España se pode trasladar a Galicia?  A crispación política en España é produto dunha falta de altura democrática por parte dunha dereita e dunha extrema dereita que non aceptan os resultados das urnas, un Goberno e un Congreso que emanan da vontade dos cidadáns. E iso é moi grave. O democrático ten que ser sempre a base, a forma e o modo da acción política. No caso da comunidade de Galicia, se a democracia gaña e se reforza en beneficio dos cidadáns, non ten porque haber crispamento. O pobo é quen máis ordena.

"Non podemos ser o refén da confrontación da Xunta co Goberno"

Patricia Otero. EPA secretaria provincial do PSdeG en Lugo e deputada autonómica Patricia Otero (1979) encabeza por primeira vez un cartel electoral. Licenciada en Dereito, aspira a trasladar á Xunta o poder que o seu partido xa exerce en numerosas institucións locais, que considera que pode ser a mellor carta de presentación.

A que atribúe que moitos partidos que concorren por Lugo apostasen por encabezar listas con mulleres? Para min é un orgullo por muller e por lucense. O socialistas somos consecuentes coa nosa aposta polos dereitos das mulleres. Os partidos temos que estar a altura da sociedade á que nos debemos e acadar a plena equiparación, que hoxe xa é imparable. A política non pode quedar atrás.

Cre que vai ser esta unha campaña electoral rara por mor da crise da pandemia de Covid-19? Será unha campaña distinta. Pero o esencial é que a cada cidadán lle chegue o sentido do que queremos facer os próximos catro anos. Iso é o que debe contar. Render contas do noso traballo e expoñer as nosas propostas. A crise do Covid mudou os escenarios pero Feijóo non pode escapar para que a cidadanía coñeza os seus feitos e estes dan conta dun mala xestión. Feijóo quere pasar de puntillas nesta campaña, pero non vai a ser así. A educación, a sanidade, as infraestruturas, a pesca, o noso sector primario... imos poñer todo encima da mesa.

Que resultados prevé para o seu partido na provincia e en Galicia nestas eleccións autonómicas? Vamos a lograr un excelente resultado. Lugo vai facer posible o cambio de Goberno en Galicia. O PSdeG é o referente para aglutinar o voto de quen quere un cambio para Galicia e para Lugo. Progresistas, de esquerdas pero tamén de todos os que, dende distintos pensamentos políticos, queiran cambiar as cousas. Por iso, o PSdeG puxo en marcha unha axenda de traballo, dende todas as institucións das que forma parte, que contribuirá de xeito decidido a mudar coma un calcetín a situación de Lugo e de Galicia.

Que temas considera que van ser fundamentais nestas eleccións: a crise sanitaria, a industrial...? Os galegos non podemos ser o refén da confrontación que ten o Goberno da Xunta co Goberno de Pedro Sánchez. Ou dito de outro modo, os lucenses non podemos pagar a cobertura que Feijóo está obrigado a dar ao seu compañeiro Casado. Ir sempre á contra co Goberno central non interesa a ninguén en Galicia, salvo a quen planifica dende Madrid a estratexia irresponsable do PP. A estes, Galicia interésalles nada. Están a outra cousa e o PPdeG limítase a seguilos. A industria ten que ser unha prioridade para a provincia e agora, cando nos enfrontamos aos problemas de Alcoa, vemos con claridade como nestes últimos 10 anos a competencia exclusiva da Xunta no valeu para nada. E hai que deixarse de anuncios e actuar no rural, que está deixado, abandonado. Hai que dotar de medios e de oportunidades ao rural; non hai outro camiño. Pero de verdade, sen contos. E hoxe, despois do que pasou, solo Feijóo segue sen comprometerse coa sanidade. Moito para propaganda, pouco para os veciños.

Cre que a crispación política que se está a vivir en España se pode trasladar a Galicia?  A crispación e o único modo no que sabe estar a dereita, o PP, cando perde. A pataleta dos malos perdedores. E logo hai un gran malestar moi fundado entre a xente, os cidadáns están enfadados co Goberno de Feijóo porque os abandonou.

"Estamos a ver en Lugo que temos un proxecto serio e transformador"

Olalla RodilOlalla Rodil Fernández, nacida en Ribeira de Piquín en 1989, é a pesar da súa xuventude unha veterana nas listas do BNG na provincia. Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e deputada autonómica, ten a responsabilidade de confirmar nas urnas os bos números que lles dan as enquisas. Para iso, sabe que debe aproveitar o maior escaparate que nestes momentos ten a súa formación, o cogoberno da capital lucense, onde nas pasadas municipais tamén obtiveron unha importante subida.

A que atribúe que moitos partidos que concorren por Lugo apostasen por encabezar listas con mulleres? É tempo de mulleres, tamén na presidencia da Xunta, e o 12 de xullo temos a oportunidade de elixir a primeira muller presidenta, Ana Pontón. No BNG somos unha organización feminista e o noso compromiso coa igualdade tamén se materializa neste aspecto, de feito, tres das catro listas están encabezadas por mulleres e en todas as candidaturas, tamén na de Lugo, contamos cunha presenza importante de compañeiras.

Cre que vai ser esta unha campaña electoral rara por mor da crise da pandemia de Covid-19? Vai ser unha campaña diferente, inédita en moitos aspectos pola crise sanitaria derivada da pandemia de Covid-19 que estamos a padecer. Pero as eleccións autonómicas do 12 de xullo son decisivas. Eliximos o Parlamento galego mais tamén o rumbo que tomará o país ás portas dunha crise económica sen precedentes. É importante que todas as persoas que queren un cambio en Galiza vaian votar. Temos a oportunidade de deixar atrás once anos de Goberno do Partido Popular e de Núñez Feijóo e abrir un tempo novo neste país.

Que resultados prevé para o seu partido na provincia e en Galicia nestas eleccións autonómicas?​ Estou convencida de que imos dar un gran salto adiante nestes comicios. Somos a única forza política á alza, a ilusión da xente polo BNG pálpase na rúa e, sen dúbida, Ana Pontón é a mellor das opcións para presidir a Xunta de Galiza. Somos unha forza política que cumpre co que di, que defende os intereses das galegas e dos galegos e que conta cun proxecto político claro, serio e transformador, como estamos a ver na cidade de Lugo.

Que temas considera que van ser fundamentais nestas eleccións: a crise sanitaria, a industrial...? O tema fundamental é darlle a este país un proxecto de futuro, ter un Goberno na Xunta de Galiza que defenda as galegas e galegos, sen ataduras nin dependencias, e a única garantía diso é o BNG. Despois de once anos de Goberno do Partido Popular na Xunta vemos unha Galiza que vai a menos, menos poboación, menos industria, menos e peores servizos públicos, menos dereitos. Temos que darlle a volta a iso. Temos que confiar nas nosas propias capacidades e pór á fronte do país unha forza política como o Bloque Nacionalista Galego cun proxecto para desenvolvelas.

Cre que a crispación política que se está a vivir en España se pode trasladar a Galicia?  O que está pasando na política española é todo o contrario ao que piden as galegas e os galegos. O que quere a xente deste país son respostas, solucións aos problemas e unha política con maiúsculas que estea á altura das circunstancias. No BNG imos centrar o noso traballo e o noso esforzo en falar dos problemas que teñen as galegas e os galegos e nas nosas propostas para sacar adiante o país.

Comentarios