AÍNDA É tenente coronel, pero o día a día deste lucense está agora máis ligado á presidencia da Real Hermandad de Veteranos de las Fuerzas Armadas y la Guardia Civil cá carreira militar en si, malia a súa situación na reserva. Este colectivo celebra hoxe ao seu patrón, san Hermenexildo, cunha misa na igrexa de san Francisco Xavier e a entrega dunhas condecoracións ao expresidente da irmandade, José Rifón Cabarcos, e ao secretario, Manuel Saavedra Saavedra, coronel e capitán da Garda Civil.
Canto tempo leva na reserva?
Levo tres anos. Estou na reserva desde que tiña 61. É unha situación parecida á dos futbolistas que están no banquiño mentres que outros xogan o partido. Se houbese necesidade, chamaríanme. Mentres tanto, a miña vida é como se estivese xubilado pero sigo a ser tenente coronel.
Foi sempre militar?
Non, antes de ser militar fun mestre. Estudei Maxisterio e fixen a mili por milicias en 1979. Dous anos máis tarde, no 81, colleume o 23-F en Figueirido, Pontevedra, de alférez de milicias (oficial en prácticas). E no 82, entro no Exército como profesional. Polo medio, presenteime ás oposicións de Maxisterio pero daquela estaban complicadas, había 40 aspirantes por praza, e nunca cheguei a exercer como mestre. Tivo máis vocación de militar que de mestre? Non o sei. Meu pai marchou para Cuba cando miña nai estaba embarazada e crieime como se fose fillo de solteira. Polo tanto, desde neno, axudaba a traballar. Sempre entendín o traballo como unha cousa que hai que facer ben, fose do que fose. E tiven moitos empregos: fun camareiro da discoteca Yguazú e en Mallorca e pinchadiscos na sala de fiestas Madojaica en Monterroso. Ademais, tiven o cámping de Benquerencia.
Por que optou pola vida militar?
Fixen a mili e vin que era unha actividade que me gustaba e na que estaba mellor remunerado que de mestre. Se cadra influíu tamén que as prácticas as fixen nun centro de instrución de reclutas, onde lles ensinaba aos soldados a desfilar. Despois, estiven en Ourense, onde levaba a Extensión Cultural e preparaba aos rapaces que viñan sen certificado de estudos primarios. Era incrible a cantidade de rapaces de 18 a 20 anos que, no ano 1982, eran analfabetos totais! Especialmente, estremeños e canarios. Tamén lles daba instrución física e sobre manexo de armas. Despois, marchei para Figueirido, para a Brilat (Brigada Aerotransportable), e tamén estiven dous anos no polvorín das Gándaras, cando se pechou, a mediados dos anos 90. Máis tarde, volvín a Figueirido e a Ourense, outra vez. Tiven moita sorte cos destinos porque sempre accedín a outras prazas no mesmo sitio no que estaba, no mesmo edificio, e nunca me movín de Galicia.
"A decisión de Ucraína, de militarizar os homes dunhas idades para defendero o país, é lóxica. Aquí pasaría o memo"
Sempre traballou en oficinas?
Si. En Pontevedra, daba tamén conferencias nos colexios e institutos sobre as forzas armadas.
Non botou en falta outro tipo de actividade máis propiamente militar na súa carreira?
Estiven a piques de ir á guerra de Kosovo pero tiven que operarme da espalda. Tamén estaba habilitado para levar a administración económica do cuartel na primeira misión en Bosnia pero a familia non quería que fose e non fun. Eu fixen moito traballo de oficina pero se estás nunha unidade operativa, vas durmir á casa unha ou dúas veces ao mes. Tamén a partir dos 40 xa non estás en primeira liña de fogo.
Salvo que pase algo como pasou en Ucraína...
Si, a decisión de Ucraína é lóxica, de militarizar os homes dunhas idades para defender o país. Aquí pasaría o mesmo.
Pero a poboación non estaría preparada para o uso de armas...
Cando había a mili, había unha instrución básica. A xente estaba medio preparada.
Sería partidario de que voltase o servizo militar?
Creo que foi un pequeno erro quitalo. O concepto de mili como tal está ben que se abolise pero suprimila totalmente non está ben. Debera haber unha mili voluntaria que servise de apoio ao Exército profesional, por exemplo.
E como ve o conflito militar que está a haber en Ucraína?
Putin infravalorou a Ucraína e aos seus apoios porque en 2014, coa invasión de Crimea, non pasou nada. Entón, a maquinaria rusa pensou que isto iba ser un desfile militar pero os ucraínos apoiaron o seu presidente, a UE moveuse e a Otan, entre comiñas, tamén con apoio material e económico. Entre tanto, os rusos levaron un Exército pouco entrenado, con material obsoleto. Falloulles tamén a loxística. Non sei se foi culpa dos xenerais, do sistema (porque os tanques os deixaron tirados) ou de tácticas desastrosas.