"Cos hortos escolares buscamos sumar coñecementos sobre a cultura tradicional galega"

Rivas e Arroxo visitaron a actividade realizada polos alumnos do colexio das Gándaras
Arroxo, nun horto escolar cos alumnos do colexio das Gándaras. EP
photo_camera Arroxo, nun horto escolar cos alumnos do colexio das Gándaras. EP

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo e o concelleiro de Educación, Felipe Rivas, visitaron o colexio das Gándaras onde este luns tiveron lugar as primeiras actividades dentro do programa de hortos escolares nos centros de ensino públicos para as e os estudantes de sexto de infantil. Arroxo e Rivas visitaron as instalacións do centro xunto con representantes da Tradescola, que colabora co Goberno de Lugo na elaboración das actividades.

Felipe Rivas explicou que "as actividades utilizarán o traballo no horto como recurso educativo, para tratar todo o que ten que ver co medio natural, o seu coidado e a concienciación ambiental". Ao mesmo tempo, as actividades pretenden ser unha ferramenta para espallar as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera.

Os centros contarán con sete sesións de 50 minutos, que se realizarán entre os meses de febreiro e maio. As sesións combinarán actividades no horto e nas aulas, combinando distintas metodoloxías pedagóxicas para acadar os distintos obxectivos do proxecto, como poden ser ampliar o coñecemento das nenas e nenos sobre os diferentes cultivos, así como o aproveitamento dos mesmos, fomentar comportamentos responsables e comprometidos no coidado da natureza ou comprender e interiorizar os procesos de sementar e plantar, así como o desenvolvemento posterior das plantas e os coidados necesarios para o seu desenvolvemento óptimo. As actividades rematarán coa colleita dos cultivos, compartindo o recollido polo grupo, para logo poder consumilo cada un, na súa casa.

Ao mesmo tempo, achegarase aos participantes a coñecer distintas músicas, cantigas, celebracións e tradicións relacionados co ciclo do ano, e permitiráselles coñecer celebracións tradicionais relacionadas coa natureza, como os maios

As nenas e nenos participantes poderán desenvolver a súa "capacidade de observación e investigación no contorno", e coñecerán e usarán novas ferramentas diferentes ás de uso cotián.

As actividades potenciarán a iniciativa na realización e participación nas actividades e fomentarán o traballo en grupo.