Continúa o plan para apaciguar o tráfico nos entornos escolares de Lugo

Sete novos pasos de peóns elevados únese ao traballo xa realizado na contorna de doce centros de ensino
Obras dun dos pasos de Ramón Ferreiro.EP
photo_camera Obras dun dos pasos de Ramón Ferreiro.EP
O tenente de alcalde e concelleiro de mobilidade e infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron os novos pasos de peóns elevados que se comezaron a realizar estes días, seguindo co plan de calmado de tráfico en entornos escolares iniciado pola Tenencia de Alcaldía desde a chegada ao goberno municipal. "Buscamos un tráfico calmado, aumentando a seguridade da veciñanza da contorna e das nenas e nenos que diariamente asisten aos colexios durante o curso", afirmou Rubén Arroxo.

Nesta fase realizaranse elevacións nos pasos de peóns da avenida Ramón Ferreiro e Aviación Española, nas proximidades do Colexio Rosalía de Castro, en Venancio Senra, atendendo á zona do novo colexio do Sagrado Corazón e na rúa Erín complementando os dous pasos de peóns realizados previamente na contorna dos colexios Illa Verde e Fingoi. O tenente de alcalde explicou que "no caso da rúa Erín, para aumentar a seguridade da contorna, desplazarase o paso de peóns a un punto con maior visibilidade".

A área de mobilidade inviste 48.279 euros nesta intervención, "que permitirá que a práctica totalidade dos entornos escolares da cidade conten cun tráfico calmado", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "desde o goberno municipal avanzamos cara a un Lugo no que as persoas sexan o centro da mobilidade, cun tráfico calmado e menos vehículos a motor nas rúas".

Comentarios