O Concello sumarase á historia social única e habilitará cita electrónica

Dixitalizaranse 12.000 expedientes e a administración pediu melloras á Xunta no software
Olga López (de branco no centro), na reunión deste mércores entre persoal do Concello e da Xunta. EP
photo_camera Olga López (de branco no centro), na reunión deste mércores entre persoal do Concello e da Xunta. EP

O Concello de Lugo vinculará o seu sistema de información de servizos sociais co da Xunta para axilizar a atención aos usuarios. A edil responsable da área, Olga López Racamonde, mantivo este mércores unha segunda reunión cos responsables da historia social única da Xunta co fin de definir os pasos a seguir. O proceso implicará a dixitalización dos máis de 12.000 expedientes anuais de usuarios que atende o Concello.

López Racamonde explicou que, "despois de analizar a situación, e sen que nos guste en exceso o sistema da Xunta, xa que cremos que ten moitas posibilidades de mellora, que tamén expuxemos aos seus responsables durante a reunión, optamos por dar este paso co fin de instaurar a historia social única no Concello".

O Concello e a Xunta traballarán conectadas e manexarán os mesmos datos dos usuarios. Servirá para traballar de foma máis áxil, unha necesidade que se puxo de manifesto este verán, a raíz do caso do bebé que supostamente foi maltratado polos seus pais e cuxa custodia lles foi retirada temporalmente. Cando o Sergas investigaba a situación desta familia, advertiu ao Concello dun posible caso de risco para a salubridade do vecindario, debido ao lixo que había no interior da vivenda. A comunicación fíxose a través do rexistro municipal e tardou unha semana en chegar dende este aos servizos sociais da Milagrosa.

A interconexión do sistema municipal co da Xunta conlevará un reforzo de persoal para atender a carga de traballo que supón. Está previsto que se incorporen dúas persoas para a dixitalización dos expedientes e unha para xerar unha axenda electrónica. Esta permitirá que os usuarios poidan pedir cita por internet, explicou a concelleira.

Na reunión do mércores analizáronse os procesos de baleirado de datos do sistema SIUSS da Xunta á historia social única e o Concello pediulle á Xunta "algunhas melloras para gañar en operatividade, como é a optimización do sistema de carga de datos, pouco intuitivo e que enlentece o proceso. Tamén pedimos que se permita a intervención dos profesionais de todos os departamentos para que se poida traballar realmente en equipo", sinalou López Racamonde. Esta asegurou que un dos obxectivos que se marcou nada máis chegar á concellería foi modernizar as ferramentas de xestión, de coordinación profesional e de intervención social.

A modernización da xestión da área de servizos sociais enmárcase no proceso iniciado polo goberno de Méndez para a transformación do funcionamento interno e externo do Concello. Este está neste momento en plena implantación da e-administración e leva a cabo experiencias piloto, dentro do plan europeo Lugo Smart City, para a xestión intelixente de aparcadoiros e recollida de lixo, por exemplo.

Comentarios