O Concello reservará diñeiro en 2023 para instalar bases de aluguer de bicicletas

A administración sacará a concurso un servizo que a cidade xa tivo no pasado e que agora incluirá vehículos mecánicos e eléctricos
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Un ciclista polo novo carril bici de Lugo. SEBAS SENANDE

O Concello de Lugo reservará fondos no presuposto de 2023 para instalar bases de bicicletas de aluguer, unha medida que se enmarca dentro da estratexia que mantén o goberno de Lara Méndez para fomentar unha mobilidade máis sostible económica e medioambientalmente e tamén desde a perspectiva da saúde.

A idea é recuperar o servizo que xa tivo a cidade hai anos, Rebicíclate, pero adaptado aos novos tempos, de forma que incluirá bicicletas eléctricas.

A materialización do proxecto non será rápida, xa que non só hai que agardar ao orzamento do vindeiro ano senón que hai que elaborar un prego de condicións para sacar a concurso a compra, a instalación e o mantemento das bases e dos vehículos.

A alcaldesa prevé tratar este asunto na vindeira reunión da Mesa da Bicicleta, un órgano que se constituíu no verán con persoas e colectivos implicados na mobilidade da cidade e que está aberto a incorporacións e suxerencias. 

O obxectivo do goberno é contribuír a modificar os hábitos de mobilidade dos veciños de Lugo, con accións en distintos ámbitos, como peonalizacións de rúas, fomento do uso do bus urbano e construcción de carrís bici. Polo que respecta á bicicleta, o goberno explica que primeiro se fixo a infraestrutura, para acostumar os veciños a ir en bici, xa que hai moitos cidadáns que non se senten cómodos compartindo espazo cos coches. Son 14 quilómetros de carril cun trazado controvertido, pero Méndez repróchalle á oposición que non faga propostas alternativas.

En todo caso, o seguinte paso será facilitar que os cidadáns poidan coller unha bicicleta, con bases en distintas zonas da cidade onde poidan retiralas e deixalas. É unha medida que están adoptando outras cidades, como acaba de facer A Coruña este verán. Xa dispoñía dun sistema de aluguer de bicis, pero renovouno e modernizouno, con 172 vehículos eléctricos e 342 mecánicos. Destinou a iso uns 1,8 millóns de euros, parte deles procedentes da UE.

O contrato coa empresa que xestiona o servizo inclúe a posta en marcha dunha ferramenta de medición que permitirá o seguimento da reducción anual de gases. Na Coruña, os usuarios habituais pagan 40 euros ao ano e no caso da bicis eléctricas abonan a maiores 0,10 euros por cada 10 minutos de uso unha vez sobrepasan os 20, ata chegar á hora, tempo máximo de uso continuado.

Os prezos e as condicións de uso serán algúns dos aspectos que o Concello de Lugo deberá establecer no prego para o concurso público. No pasado, o servizo de aluguer de bicis da cidade non tivo moito éxito, en parte polas averías que tiña, pero as circunstancias dos lucenses e da cidade cambiaron.

O bus é gratis  hoxe

O servizo de bus urbano será gratuíto hoxe con motivo do Día Europeo sen Coches. É unha medida máis da área de Mobilidade, que dirixe Rubén Arroxo, para promocionar o transporte público, que ademais a partir de hoxe ten bonificacións. 

O bus de Lugo é o máis barato de Galicia e o terceiro de España, pero dende hoxe ata o 31 de decembro será un 30% máis barato co uso da tarxeta cidadá.

Os usuarios da tarxeta pagarán 31 céntimos por viaxe e 21 se teñen o bono social (mozos, estudantes, persoas desempregadas, pensionistas e discapacitados). Os transbordos serán gratuítos de forma indefinida. 

O anuncio de rebaixa aumentou a demanda da tarxeta e o Concello ampliou o horario para solicitala.

 

Os pasos de peóns elevados xeran controversia a pesar de que cumpren a normativa

A velocidade de circulación dos vehículos na cidade redúxose con medidas como a aplicación da limitación a 30 kilómetros por hora —anticipada polos gobernos socialistas nalgunhas vías urbanas antes de que fose obrigatorio por lei— e coa construción de pasos de peóns elevados, pero o cambio ten tanto defensores como detractores.

Entre os últimos atópanse algúns cidadáns particulares e algúns condutores cuxo medio de traballo é o vehículo. Estes consideran que a redución da velocidade á que lles obrigan estas estruturas prexudícalles porque lles fai perder tempo ou lles causa danos nos coches e nas mercadorías.

Hai condutores que dubidan incluso de que algúns pasos elevados, como o que hai xunto ao colexio María Auxiliadora ou o da Volta da Viña, cumpran a normativa, algo que o goberno local defende rotundamente. "Non hai ningún paso de peóns na cidade que non cumpra a lei", reitera o responsable municipal de Mobilidade, Rubén Arroxo. 

Porén, a altura dalgúns pasos chámalles a atención incluso a persoas que están a favor de medidas que axuden a reducir a velocidade á que circulan os automóbiles. A explicación é que hai pasos que teñen condicións para que sexan atravesados a 50 kilómetros por hora, aínda que actualmente a velocidade máxima permitida pola Dirección Xeral de Tráfico é de 30, e outros que están preparados para circular a ese máximo de 30. Estes últimos son os situados a carón dos colexios María Auxiliadora e Illa Verde, o da Volta da Viña e o que hai nas inmediacións de Carrefour.

"Os que son para 50 kilómetros por hora non os notas se vas a 30, pasas como un tiro. Os de 30 se os pasas a 25 nótalos, pero o técnico municipal considerou que neses lugares son os indicados para calmar o tráfico", explica Arroxo.

O concelleiro amósase especialmente orgulloso do plan de calmado de tráfico que emprendeu a súa concellería no ano 2019. "Creáronse pasos de peóns elevados en todos as contornas escolares da cidade e despois foise expandindo a medida ao resto da zona urbana ata chegar actualmente a máis de 50 zonas dun tráfico calmado e máis amable cos peóns", destaca Arroxo. A acción non convence a todos por igual e hai condutores que din que se os repartidores de mercadorías pasan a 30 por algún deses pasos de peóns rómpenlles ata as botellas.