O Concello relanza o proxecto Apego para facilitar a socialización en galego desde nenos

Nas actividades do San Froilán Miúdo hai un punto de información ► Durante a primeira fin de semana de festas, as inscricións no programa creceron máis do 60%

Ferreiro no punto de información de Apego no San Froilán Miúdo.  CONCELLO
photo_camera Ferreiro no punto de información de Apego no San Froilán Miúdo. CONCELLO

O Concello de Lugo ten colocado, durante todas as actividades do San Froilán Miúdo, un posto informativo do proxecto Apego. O goberno local quixo relanzar esta iniciativa, consciente de que "cada vez as nenas e nenos teñen menos coñecemento da nosa lingua".

Así o explicou a concelleira Maite Ferreiro en relación ás últimas estatísticas do IGE, nas que se indica que o 23,9% da poboación entre 5 e 14 anos non sabe expresarse no idioma propio.

Maite Ferreiro indicou que "só na primeira fin de semana, aumentamos as inscricións ao proxecto nun 60%". "Durante o resto das festas continuaremos a promocionar o proxecto Apego, e darémoslle peso dentro da programación cultural para nenos e nenas", apuntou Ferreiro.

Co proxecto Apego quérese "implicar as familias na valoración positiva da lingua galega. Para isto as súas diferentes fases axudarán a tecer redes de apoio para a transmisión do galego como idioma de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces, co propio". Así, os obxectivos do programa Apego son, por unha banda, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e, por outra, promover que o usen de maneira habitual e que teñan espazos, situacións e recursos para facelo, polo que incluirá accións dirixidas ao ámbito familiar e social das crianzas ata os seis anos e cun método de continuidade que se irá enriquecendo en rede, coa colaboración de todos/as.

UNIRSE A APEGO. As persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade do Apego poden dirixirse ao posto informativo do San Froilán Miúdo ou ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello.  Coa adhesión, regálase unha caixa de benvida con materiais de axuda para a transmisión do galego.  A partir da alta no programa, recibirán periodicamente información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades.

Comentarios