domingo. 23.01.2022 |
El tiempo
domingo. 23.01.2022
El tiempo

O Concello de Lugo programa actividades de animación á lectura para esta ponte

Maite Ferreiro. AEP
Maite Ferreiro. AEP

Maite Ferreiro presenta un ciclo de 5 actividades para nenos e nenas, que terán lugar entre o 4 e o 8 de decembro no MIHL
 

A concelleira de cultura, turismo e promoción da lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos. "Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero", explicou.

"Do mesmo xeito que na última edición, realizaremos as actividades nas instalacións do MIHL, para continuar a promocionar esta instalación e a súa singularidade", explicou a edil de cultura, que engadiu "para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es". As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.

O ciclo conta cun total de cinco actividades, que se realizarán durante a ponte de decembro, entre o sábado 4 e o mércores 8. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.

Programación ciclo de animación á lectura
Sábado, 4 de decembro ás 18:30 horas
MIGALLAS TEATRO


Os tres porquiños/ Migallas Teatro
Idades: de 1 a 3 anos
Duración: 30 minutos
Sesión de contos a partir dun dos clásicos da literatura infantil, a través de títeres, teatro e cancións, para introducir os máis cativos e cativas no marabilloso mundo dos contos.

Domingo, 5 de decembro ás 18:30 horas 
CEO ABERTO


Atrapados con Harry Potter
Idades: a partir de 7 anos
Duración: 45  minutos.
Scape Room baseado na novela Harry Potter e o cáliz de lume. Actividade na que as nenas e nenos participantes terán que resolver unha serie de enigmas para axudar a Harry a fuxir do espazo no que está atrapado. 

Luns, 6 de decembro ás 18:30 horas
TARABELOS


Debulendo lendas...galegas
Idades: a partir de 5 anos
Duración: 55 minutos.
Sesión de narración oral ilustrada que utiliza de base a técnica xaponesa Kamishibai e  na que se decubrirán moitas lendas que falan de xacias e sereas, de piratas ou das aventuras dos pobos celtas que ocupaban os nosos territorios. 

Martes, 7 de decembro ás 18:30 horas
XAROPE TULÚ


Rilla Rilla
Idades: a partir de 6 anos
Duración: 50 minutos
Espectáculo-concurso sobre a língua galega que tenta pór de manifesto a variedade dialectal do noso idioma. Se non oístes falar do cinefere, se non sabedes o que é un día de garabullos ou se nunca se posou en vós unha lagáchima, non volo perdades!

Mércores, 8 de decembro ás 18:30 horas 
OS CONTOS DE PABLÍSIMO


O arquivo do chibo
Idades: a partir de 4 anos
Duración: 40 minutos.
Fabulación libre arredor do conto clásico dos 7 cabuxos e o lobo. Un teatriño con múltiples xanelas que serven de viñetas para contar, a xeito de banda deseñada, este clásico actualizado, empregando monicreques, xoguetes, sombras... e moita cachifallada.

O Concello de Lugo programa actividades de animación á lectura para...
Comentarios