O Concello permitirá que os locais de ocio nocturno abran en horario de tarde

Os negocios poderán desenvolver a parte da súa actividade puramente hostaleira, como é a venda de bebidas e comidas

Terraza en A Milagrosa. SEBAS SENANDE
photo_camera Terraza en A Milagrosa. SEBAS SENANDE

O Concello de Lugo autorizará aos establecementos de ocio nocturno o desenvolvemento daquela parte da súa actividade puramente hostaleira, como é a venda de bebidas e comidas, en horario de tarde. Así o avanzou este venres a alcaldesa, Lara Méndez, quen explicou que "con esta medida buscamos dar resposta a unha demanda que nos ten chegado de forma reiterada por parte dos empresarios do sector, que se viron obrigados a pechar as portas dos seus negocios o pasado 15 de agosto, trala publicación da orde por parte da Xunta de Galicia".

A rexedora explicou que se trata "dunha medida que xa se está a aplicar noutras cidades españolas, co obxectivo de paliar as consecuencias económicas da pandemia e evitar, deste xeito, o peche de establecementos e a destrución de postos de traballo vinculados ao sector do ocio nocturno, un dos máis afectados polas novas restricións".

Así, os establecementos de lecer nocturno que conten con licenza municipal de actividade en vigor nas categorías de discoteca, pub e locais de lecer nocturno poderán continuar desenvolvendo aquela parte da súa actividade de contido puramente hostaleiro –entendendo por tal, a venda e subministración de bebidas e comidas, segundo proceda conforme á licenza xa concedida– someténdose aos límites, criterios e condicións fixados para establecementos de hostalaría e restauración en xeral pola Consellería de Sanidade, impedíndoselles, en todo caso, o desenvolvemento da parte da actividade que exceda de tal contido.

O horario máximo de peche quedará fixado na 01:00 horas –o de apertura será o que corresponda conforme á licenza que teña concedida cada establecemento–, non podendo admitirse novos clientes a partir das 00:00 horas.

Ademais, non se permitirá o uso de pistas de baile ou similares e quedará prohibida a utilización dos equipos de reprodución de música amplificada.

Comentarios