jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

O Concello de Lugo pecha a maior parte das dependencias municipais

Casa do Concello de Lugo. SEBAS SENANDE
Casa do Concello de Lugo. SEBAS SENANDE

Manteranse abertas as de atención administrativa directa ao público pero activarase a cita previa en todos os servizos para evitar aglomeracións

O Concello de Lugo fixou este xoves unha serie de medidas preventivas para evitar a propagación do coronavirus tanto entre a poboación lucense como no ámbito dos traballadores municipais.

Desde este sábado, pecharanse todas as dependencias municipais –culturais, deportivas, sociais, garderías, ociotecas, Escola Municipal de Música, Casa da Xuventude, etc.– e suspenderanse todas as actividades organizadas desde o Concello ata novo aviso, en función de como evolucione a situación.

Manteranse abertas as dependencias de atención administrativa directa ao público, pero para evitar colas e aglomeracións activarase a cita previa en todos os servizos – polo que se reforzará o 010 -, e pídese aos usuarios que acudan só en caso de estrita necesidade e que as consultas sexan telefónicas.

Tamén se manterán algúns servizos que se consideran indispensables pola especial atención a colectivos vulnerables, como o Centro de Día, o Servizo de Atención no Fogar e o Fogar de Transeúnte, nos que se lle solicitará ás empresas adxudicatarias que extremen as medidas hixiénico-sanitarias do persoal.

No caso do CEI Nodus, as actividades formativas desenvolveranse vía telemática.

En canto á Praza de Abastos e o Mercado Municipal, serán os praceiros os que decidan se abren os seus postos.

O Concello tamén manterá a organización das vodas, aínda que estas celebraranse unicamente nas dependencias da Casa do Concello e só poderán acompañar aos contraentes testemuñas e familiares directos.


FUNCIÓN PÚBLICA. No caso dos empregados públicos, o Concello suspende temporalmente e de xeito excepcional o control horario dixital e cada área organizará o seu persoal favorecendo e facilitando a conciliación laboral, así como pondo a súa disposición o teletraballo.

Evitaranse, ademais, as viaxes de traballo que non sexan imprescindibles para a prestación ordinaria dos servizos e potenciarase a videoconferencia.

O Concello extremará a limpeza tanto urbana como de toda as dependencias municipais así como a do trasporte urbano, establecendo protocolos especiais.

O Concello de Lugo pecha a maior parte das dependencias municipais
Comentarios