O Concello de Lugo homenaxea o persoal sanitario no Día Internacional da Enfermería

Os profesionais sanitarios xunto aos edís. EP
photo_camera Os profesionais sanitarios xunto aos edís. EP

Un grupo de enfermeiras do Sergas convertéronse este mércores en representantes de todas as súas compañeiras para recibir a homenaxe que lles quixo dedicar o Concello de Lugo no seu día. Tras máis dun ano de pandemia, os representantes do goberno local salientaron con elas que o coronavirus "demostrou a calidade do noso servizo público de saúde" e tamén a importancia de "contar con medios materiais e recursos humanos para garantir a atención que merece a veciñanza".

No Día Internacional da Enfermería, foron recibidas na casa consistorial polo tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo; a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, e a edil responsable do departamento de saúde pública municipal, Cristina López. Esta quixo agradecer o traballo do persoal sanitario, "que tivo que saír adiante nunha situación moi complicada", e destacou "o esforzo das profesionais da atención primaria, a porta de entrada ao sistema público de saúde", para o que reclamou "profesionais e equipamento para garantir o acceso á saúde pública".

O Día Internacional da Enfermería celébrase o 12 de maio, data de nacemento de Florence Nightingale, considerada creadora da enfermería moderna. Neste ano, o Consello Internacional da Enfermería dedica a celebración a mostrar como a profesión mirará cara ao futuro e como transformará a vindeira etapa da atención médica.

Comentarios