O Concello de Lugo adquire 7.000 novas Tarxetas Cidadás

O tenente de alcaldesa Rubén Arroxo busca que "a veciñanza poida desfrutar de todas as vantaxes á hora de desprazarse en bus urbano"
Rubén Arroxo, dereita, xunto as concelleiras Cristina López e Maite Ferreiro. EP
photo_camera Rubén Arroxo, dereita, xunto as concelleiras Cristina López e Maite Ferreiro. EP

O Concello de Lugo vén de iniciar o procedemento para adquirir 7.000 novas Tarxetas Cidadás, segundo anunciou este mércores o tenente de alcaldesa Rubén Arroxo. O obxectivo, explicou, é "garantir que sempre haxa existencias de tarxetas cidadás, e facilitar que a veciñanza poida desfrutar de todas as vantaxes que supón a tarxeta á hora de desprazarse en bus urbano".

O concelleiro do Bloque Nacionalista Galego precisou que hai máis de 30.000 persoas que xa posúen a Tarxeta Cidadá. "Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do Estado", salientou Arroxo, quen engadiu que coa tarxeta "o prezo do bus urbano redúcese ata nun 50%".

O prezo do billete ordinario de autobús urbano é de 0,64 euros, que baixa a 0,45 euros para os titulares da Tarxeta Cidadá. No caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou con mobilidade reducida, a tarifa redúcese ata os 0,31 euros por traxecto, con transbordo gratuíto en todas as situacións.

Para obter a tarxeta cidadá é necesario cubrir o formulario que se pode descargar na web do Concello ou recoller nas oficinas municipais do seminario, abonando a taxa correspondente (3,09 euros) nunha oficina de Abanca. Unha vez completado este trámite o usuario deberá pedir cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro é de entre cinco e sesenta euros.

Comentarios