O Concello fai balance do San Froilán: "Damos por cumprido o obxectivo"

“O San Froilán demostrou ser, unha vez máis, a grande festa do outono galego” resumiu Maite Ferreiro
El recinto ferial, en 2019. XESÚS PONTE
photo_camera O recinto ferial. XESÚS PONTE

A edil de cultura de Lugo, Maite Ferreiro, fixo balance das festas do San Froilán unha vez rematadas. A nacionalista non quixo dar cifras sobre o número de persoas que acudiron este ano ás patronais "porque todo o intento de cálculo deste tipo é tan complexo como incerto”.

"Damos por cumprido o obxectivo de que cada unha das centos de miles de persoas que participaron na festa gozaran e sentisen seu o San Froilán”. Ferreiro aproveitou para facer un especial agradecemento a todas as persoas, empresas e colectivos que dun xeito ou outro participaron na organización das festas, facendo especial mención aos diferentes departamentos e persoal do Concello que "nestes días traballaron de xeito continuado para que as festas fosen un éxito como foi o caso do persoal de cultura, policía local, bombeiros ou o servizo de limpeza".

“As prazas e rúas ateigadas foi a evidencia do éxito das festas, o resultado foi moi positivo”

“A asistencia de público aos concertos e ás actividades programadas foi máis que satisfactoria, lucenses e visitantes disfrutaron do San Froilán dende o seu comenzo o día 4 ata o seu remate o día 12” indicou Ferreiro e engadiu "as prazas e rúas ateigadas foi a evidencia do éxito das festas, o resultado foi moi positivo e esta claro que este modelo de festas funciona e con el continuaremos de aquí en diante".

"San Froilán demostrou ser, unha vez máis, a grande festa do outono galego”, engadiu a concelleira. Este ano, as patronais contaron con máis de 200 actuacións músicais e a participación duns 50 grupos locais.

Ademais, a edil de cultura fixo referencia ao concerto da Banda Municipal, que, “grazas á implicación e empeño de integrantes da banda e convidadas, puido saír adiante cun éxito máis que salientable”.