O tenente de alcaldesa e responsable de Mobilidade de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou este sábado que vén de rematar a renovación da Praza de Alacante, no barrio da Milagrosa. "Trátase dunha zona que estaba nun avanzado estado de desgaste, o que fixo precisa unha actuación integral que permita renovar a pavimentación, poñendo solución ás zonas de fochancas e garantindo a accesibilidade", explicou.
A solución consistiu na renovación integral do pavimento, creando dúas zonas diferenciadas para o tránsito peonil e dos vehículos, mantendo as zonas de estacionamento, ademais da renovación do mobiliario urbano, ampliando o total de bancos instalados na zona e cunha nova disposición que permitirá unha maior comodidade á veciñanza. Ademais, habilitáronse novas papeleiras e xardineiras.
O Goberno local continuou nesta intervención coa renovación da rede de alumeamento público municipal, eliminando luminarias de vapor de sodio, e instalando LED, de baixo consumo, e cunha iluminación uniforme en toda a praza. Arroxo lembrou que "neste mandato substituímos 5.000 luminarias con elementos contaminantes por LED".