Autorizan no Ceao a central que distribuirá enerxía térmica renovable a Lugo

O sistema, baseado na utilización de biomasa e enerxía solar, contribuirá á descarbonización da atmósfera dentro das políticas de sostibilidade que promove o Executivo

Imaxe de arquivo da sinatura do convenio con DH Eco Energías. EP
photo_camera Imaxe de arquivo da sinatura do convenio con DH Eco Energías. EP

O Concello de Lugo autorizará este mércores en Xunta de Goberno a construción, no Polígono do Ceao, dun edificio industrial que albergará unha central de produción térmica centralizada de auga quente para calefacción.

A infraestrutura, que posteriormente se completará cunha rede de distribución urbana na avenida Benigno Rivera, contempla a instalación de catro caldeiras de biomasa e dúas de gas natural nunha parcela, na que tamén se preveé a creación de 23 prazas de estacionamento vinculadas, e na que ocupará unha superficie de 2.204 metros cadrados.

O proxecto, que se desenvolve ao abeiro do protocolo de colaboración asinado pola alcaldesa, Lara Méndez, coa compañía DH Eco Energías -promotora da iniciativa– posibilitará a posta en marcha dunha Rede de Distrito que se estudiará en fases e de forma modular para que se poidan ir conectando a ela, progresivamente, os inmobles que o desexen.

A planta empregará tecnoloxía de combustión de biomasa e enerxía eléctrica procedente de fontes renovables –biomasa e enerxía solar de concentración– para producir auga quente, tanto para calefacción como sanitaria, que dará servizo a edificios residenciais, centros educativos, sanitarios e administrativos, entre outros.

"Lugo é xa un polo de atracción de investimentos verdes, como é o noso obxectivo", afirmou Lara Méndez. "Temos o firme compromiso de mellorar a calidade de vida das e dos lucenses, un benestar e un coidado que debe ir en consonancia co da cidade e a saúde do planeta. Por iso, conscientes de que a loita contra o cambio climático require dun plantexamento integral que reforce o seu carácter transversal, estamos a promover actuacións sectoriais que tranformen Lugo, que reconduzan os nosos patróns de consumo e hábitos cara pautas e opcións, que as hai, moito máis respectuosas co medio ambiente", engadiu a rexedora.

A rexedora puxo de manifesto que, "actualmente, xa se considera que as comunidades enerxéticas locais son unha alternativa eficiente, en tanto melloran a calidade de vida no sector residencial e nos equipamentos dotacionais públicos, ao tempo que supoñen un impulso aos sistemas de climatización máis eficaces que permiten reducir a emisión de gases invernadoiro mediante a utilización de sistemas centralizados de nova xeración que favorecen un mellor uso dos consumos de enerxía primaria a través de recursos renovables, en substitución dos combustibles fósiles. Un modelo que queremos implantar tamén no noso municipio dentro das políticas de sostibilidade que levamos potenciando dende o mandato anterior", sostivo Méndez.

Deste xeito, a veciñanza poderá dispoñer de calefacción e auga quente nos seus domicilios sen precisar de instalacións particulares para o abastecemento enerxético o que implica unha redución de custos, porque só pagará polo consumo –que é ata un 20% máis barato que o dos sistemas actuais– pero non polo seu mantemento, segundo explicou a alcaldesa lucense.

"Cómpre destacar que, á marxe das vantaxes e beneficios medio ambientais que aporta, cos que queremos contribuír á descarbonización da atmósfera, a iniciativa ten tamén un carácter de dinamización económica e xeradora de emprego local, xa que os e as traballadoras desta empresa serán preferentemente veciñas e veciños do municipio e para a súa contratación, a compañía contará cos servizos de orientación laboral do Concello tanto na fase de construción da central como para o propio mantemento da mesma", lembrou Lara Méndez.

A creación desta central dispón dun orzamento de 860.276 euros e dun prazo de execución de 24 meses, que xunto ás outras tres licenzas que serán validadas na Xunta de Goberno desta semana – entre elas dúas para a construción dun edificio en Marqués de Ombreiro e dunha vivenda unifamiliar nas Saamasas – elevan a 1.372.976 euros o volume de negocio que xerarán, esta semana, as intervencións urbanísticas autorizadas polo Concello de Lugo no termo municipal.

Comentarios