O Concello arranxará o firme da rotonda de Garabolos en varias fases

O obxectivo é reducir ao máximo as molestias nunha das vías de maior tráfico de Lugo
Estado do firme na rotonda de Garabolos. EP
photo_camera Estado do firme na rotonda de Garabolos. EP

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas de Lugo, Alexandre Penas, informou dos avances que se están a realizar de cara á reparación do afundimento da rotonda de Garabolos, ubicada na intersección da Avenida da Coruña coa Rolda Norte.

O edil nacionalista explicou que se trata "dunha reparación importante nunha das vías que máis tráfico acollen cada día, ao ser un dos puntos de entrada á cidade, tanto desde a Rolda Norte como desde a N-6".

A concellería de Infraestruturas planifica dividir os traballos en varias fases “para tratar de reducir ao máximo as molestias que produce unha obra deste tamaño”, explicou Alexandre Penas, que engadiu "buscamos evitar un corte total do tráfico rodado nesta rotonda". A concellería de Infraestruturas executará os traballos durante os meses de verán, dado que se trata da época na que esta vía acolle menos tráfico.

Os traballos consistirán na creación dunha nova placa de formigón e asfalto no percorrido da rotonda, para o que será preciso actuar en gran parte do percorrido da mesma.

Penas explicou que "é unha actuación importante para Lugo que temos que realizar garantindo sempre que a veciñanza poida seguir circulando pola cidade".

Comentarios