O tenente de alcaldesa e concelleiro de mobilidade e infraestruturas de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou este mércores que o Concello comprou novas tarxetas cidadás, que permiten aforrar ata un 50% do prezo do transporte público.
"Coa entrada das novas liñas é o momento de que a veciñanza de Lugo se anime a obter a tarxeta, que ademais de reducir o custo de cada viaxe permite tamén axilizar a entrada no bus", asegura.
Ao pagar coa tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario do bus pasa de 64 céntimos a 45 no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a 31 céntimos para as persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou con mobilidade reducida. O prezo do transbordo tamén é inferior: 19 céntimos sen bonificacións e 10 no caso do transporte bonificado.
Quen queira obter a tarxeta cidadá debe cubrir o formulario que se pode atopar na web do Concello ou nas oficinas municipais do seminario, e pagar unha taxa de 3,09 euros nunha oficina de Abanca. Despois hai que pedir cita no número 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro debe ser de entre 5 e 60 euros.