A concellería de Educación inicia a entrega de máscaras infantís aos centros de Lugo

Felipe Rivas: “Asumimos novamente unha responsabilidade que non é a nosa competencia debido ao abandono da Xunta”

ArquivoFelipe
photo_camera Felipe Rivas, xunto a Rubén Arroxo. ARQUIVO

O concelleiro de Educación, Felipe Rivas, informou que este martes comezou o reparto de máscaras infantís que entregou a súa concellería para facilitar ás familias o cumprimento das medidas de prevención nos centros de ensino. “No pleno de setembro, a corporación municipal acordou entregar máscaras infantís ás familias con baixos recursos”, explicou Felipe Rivas, que engadiu “malia que as competencias en educación as ten a Xunta, desde a concellería de Educación quixemos realizar esta tarefa no menor lapso de tempo posíbel”.

“A Xunta non tivo en conta que o gasto en máscaras pode ser inasumible para as familias que estén a pasar por unha situación económica delicada”, declarou Felipe Rivas, que agradeceu “a colaboración mostrada polos centros de Ensino para que as nenas e nenos de Lugo teñan acceso ás máscaras obrigatorias sen importar os recursos das súas familias”.

A concellería de Educación entregará a máis de 10.000 máscaras infantís reutilizábeis a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos que asisten a centros de ensino sostidos con fondos públicos.

Comentarios