Como perder dúas horas e a paciencia nun pleno municipal

Acordos que non se cumpren e debates que exceden a competencia municipal son a tónica nas sesións do Concello de Lugo
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Mar Carballas, este xoves falando coa alcaldesa tras recibir a medalla de concelleira. XESÚS PONTE

O pleno é un órgano de representación da cidadanía, onde se debaten asuntos que lle atinxen, se aproban normas e se toman algunhas das decisións máis relevantes para os veciños. Porén, en Lugo, como en moitos outros lugares, as reunións da corporación municipal foron perdendo contido e a maioría delas, como foi a de onte, son máis que nada unha perda de tempo e unha boa maneira de gastar paciencia. 

Corenta e catro persoas seguiron a sesión deste xoves nos seus ordenadores porque o primeiro pleno do ano foi telemático, non se sabe moi ben por que. Razóns sanitarias, argumentáronse. Vintecinco concelleiros, dous funcionarios e media ducia de traballadores, ao sumo, considerouse moito persoal para o salón de plenos. Se hai que correr riscos, mellor que sexa en eventos de máis proveito, como Fitur ou os congresos dos partidos.

O PP quería que Lara Méndez firmara que a hipotética indemnización polo Garañón se lle reclame aos exdirixentes socialistas que aprobaron as licenzas e o goberno propuxo que se lle pidan á Xunta por ter aprobado o plan xeral de urbanismo

Aínda que, á hora da verdade, pouco máis ten o formato. Onte non se tratou ningún asunto de xestión municipal, porque, como permite dende hai tempo a Lei de Grandes Cidades, o groso decídese nas xuntas de goberno, nas que non está a oposición. E porque a xestión sempre vai máis lenta do que calquera desexaría, agás quizais a oposición, que así ten a oportunidade de sacarlles as cores ao goberno.

Cs levaba este xoves unha moción para instar ao goberno a que renove a ordenanza contra os ruídos, xa que a vixente é de 1997 e a sociedade e a normativa superior foi cambiando. O voceiro do goberno, Miguel Fernández, recoñeceu que, hai xusto cinco anos, o Concello sacou a consulta pública un borrador, pero non houbo avance algún dende entón porque —explicou— é necesario debatela e consensuala cos sectores económicos e sociais e coa oposición. E por riba, veu unha pandemia. Se a explicación deixou coa boca aberta a todo o mundo, aínda o fixo máis o sorprendente xiro de guión, cando o PSOE votou a favor.

Sorpresa relativa, por outra parte, porque o goberno de Lara Méndez leva unha tempada apoiando as propostas de Cs. Adoitan ir cargadas de razón, pero hai algunha outra lectura? Méndez quere darlle nos dentes ao PP, o seu verdadeiro adversario e case sempre máis agresivo no fondo e nas formas? Prepara o terreo por se necesitara apoio laranxa para unha terceira investidura?

Aprobouse por unanimidade esta e outra proposta, tamén de Cs, encamiñada a facilitar o aparcamento na cidade, sobre todo no centro, para o que propuña sistemas intelixentes que informen os condutores onde e cantas prazas libres hai. O edil Juan Vidal-Pardo lembrou que o goberno anunciou hai tempo un proxecto deste tipo. O PP insistiu en recuperar un sistema Ora gratuíto e público.

O responsable de mobilidade, Rubén Arroxo, lembrou as medidas que o goberno levou a cabo para mellorar a circulación e o estacionamento na cidade, como a disposición de aparcadoiros disuasorios. Recoñeceu que "todo é mellorable" pero afirmou que os recursos humanos do Concello son os que son e que se consideraron "prioritarios" outros asuntos.

O popular Óscar Poy, que viu necesario explicarlle ao auditorio o significado do termo homógrafo, lembroulle a Arroxo que o cumprimento dos acordos plenarios non é unha cuestión de vontade senón unha obriga legal. Fíxoo dirixíndose ao primeiro tenente de alcaldesa como "ilustrísimo" e "excelentísimo", despois de que en anteriores plenos a rexedora lle afeara os termos nos que se refería a ela. Onte Lara Méndez sentiuse ofendida polo vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, que "en menos de medio minuto" acusouna a ela e ao seu equipo de mentir, de facer o ridículo, de ser o "hazmerreír" e de dar vergoña.

Máis aló das formas, o máis probable é que os acordos acadados onte queden en papel mollado, como adoita suceder en Lugo e na maioría das cámaras de representación cidadá. Resulta tan frustrante como ver como a corporación local gasta tempo e recursos en debater asuntos que exceden a súa competencia, por moito que lles afecten aos veciños. É un pecado que cometen tódalas formacións, inducidas polas estruturas superiores para facer política partidista. Onte o PP defendou unha moción para que o goberno de Méndez inste ao de Pedro Sánchez a que destitúa o ministro Alberto Garzón pola súas declaración sobre a produción de carne en España e para que non modifique a Lei de Seguridade Cidadá. Foron rexeitadas polos socios do goberno, igual que a do PP para potenciar a banda de música.

Con todo, ás veces nos plenos prodúcense manobras que sacan da molicie, como a de onte no Garañón. O PP quería que Méndez firmara que o Concello non ía ter que pagar indemnizacións ou que, de habelas, se lles repercutirían aos anteriores gobernantes socialistas. A edil de urbanismo, Paula Alvarellos, propúxolles firmar que, de ter que pagar, se lle reclame o diñeiro á Xunta por ter aprobado o planeamento urbanístico sobre o que se apoiou o proxecto ao que o PSOE deu licenza despois e que a xustiza anulou. "Quiere que la Xunta pague por las ilegalidades que cometió el PSOE? Eso no lo vamos a hacer", conluíu incrédulo Ameijide.

Mar Carballas incorporouse como concelleira do PP en substitución do falecido Manuel López
A socióloga e traballadora dunha asesoría laboral na cidade Mar Carballas incorporouse onte como concelleira do PP, en substitución de Manuel López, que faleceu de forma repentina hai unhas semanas. A entrega da medalla correspondente tivo lugar no despacho da alcaldía unha vez rematou a sesión plenaria, que foi telemática. Carballas estivo acompañada pola alcaldesa, polos voceiros dos grupos municipais e por compañeiros de filas. A nova edil ocuparase de fiscalizar acordos de goberno e fondos europeos.

Comentarios