Comezan os traballos de execución dunha senda peonil na contorna do CEIP Albeiros

Cando rematen estas obras entrará en vigor a nova ordeación de tráfico aprobada en marzo deste ano 
Ceip Albeiros. AEP
photo_camera Ceip Albeiros. AEP

Os traballos de execución dunha nova senda peonil na contorna do CEIP Albeiros xa están en marcha, segundo informa o Concello dende a área de mobilidade. Ademais afirman que durante os próximos días procederase a modificar as rúas Xenebro, Illa de Ons e o acceso ao CEIP Albeiros dende a rolda norte. Cando rematen estas obras entrará en vigor a nova ordeación de tráfico aprobada en marzo deste ano. 

Esta afectará ás rúas xa citadas, nas que se instalará sinalización horizontal de banda de preferencia de tránsito peonil e se levarán a cabo varias modificacións. 

Entre estas podemos salientar cambios na Rúa Xenebro que pasará a ser de sentido único dende Rúa Illa de Ons ata a conexión coa vía de servizo da Ronda Norte (Garaballa de Arriba) e a habilitación dunha banda de preferencia de uso peonil na marxe dereita, que continuará no treito da vía de servizo da Ronda Norte dende a glorieta (Garaballa de Arriba ata o CEIP Albeiros), percorrendo a mesma dende a Ronda Norte ata o CEIP Albeiros.

Ademais na rúa Illa de Ons, dende a Rúa Pardillo ata a Rúa Xenebro, modificarase a circulación, quedando en sentido único e percorrendo a vía dende a Rúa do Pardillo ata a Rúa Xenebro, con banda de preferencia de uso peonil na marxe dereita. O tramo da Rúa Xenebro comprendido entre Rúa Illa de Ons e Rúa Dolmen manterá o dobre sentido de circulación para o tráfico rodado, con banda de preferencia peonil na marxe dereita.

O edil de Infraestruturas, Alexandre Penas explicou que se trata "dunha importante modificación da circulación que servirá para dar máis seguridade a unha zona escolar que carece de pasos de peóns axeitados, algo que foi solicitado en diversas ocasións polas familias que acuden ao centro". 
 

Comentarios