Comezan os traballos de asfaltado e accesibilidade da rúa Amizade

A intervención adxudicouse por 25.407 euros e ten un prazo de execución de 6 semanas

Rubén Arroxo (dereita), tenente de alcalde de Lugo. EP
photo_camera Rubén Arroxo (dereita), tenente de alcalde de Lugo. EP

Rubén Arroxo, tenente de alcalde e responsable da área de Mobilidade e Infraestruturas, informou do comezo das obras de mellora do asfaltado da rúa Amizade. Así, o político explicou que "nesta rúa, especialmente no lado oeste do cruce coa rúa Portugal, o estado do asfalto está moi desgastado, o que fai necesario a súa renovación e atender a unha petición moi solicitada pola veciñanza da zona, e na que tratamos de mellorar non só o estado da rúa senon a accesibilidade da mesma".

Por este motivo, a solución proposta pasa por aplicar unha nova capa de formigón vibrado de 20 cm de espesor, sobre unha capa de saburra artificial tamén de 20 cm de espesor. Co fin de posibilitar o acceso ás prazas de aparcadoiro, habilitarase unha beirarrúa de formigón ruleteado, xunto á edificación existente. No cruce coa rúa Portugal colocarase un pavimento diferenciado para facilitar a accesibilidade. En última instancia, renovarase a sinalización vertical e horizontal. O proxecto, adxudicado por 25.407 €, conta cun prazo de execución de 6 semanas.

"Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas traballamos a diario na mellora e mantemento de todos os barrios", explicou Rubén Arroxo, ao que engadiu que “estas actuacións permítennos mellorar cuestións importantes para as veciñas e veciños, como a accesibilidade ou a seguridade”.