Collidos coas mans na masa

O grupo de música infantil Mamá Cabra achegouse a Lugo para impartirlle aos cativos unha clase maxistral de cociña saudable ▶

Actuación do grupo Mamá Cabra. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Actuación do grupo Mamá Cabra. VICTORIA RODRÍGUEZ

ESTE ANO a Ágora Cultural, promovida polo Concello e a Deputación de Lugo, tivo moi en conta ao público infantil, brindándolles aos cativos espectáculos como pallasos, marionetas e títeres, e ata magos. O mércorestamén foi a quenda dos nenos e nenas da cidade, que puideron gozar dunha actuación excelente do grupo infantil Mamá Cabra, "Eu cociño, ti cociñas".

A iso das oito da tarde, a Praza da Soidade estaba chea de meniños que agardaban a que comezase este espectáculo, que prometía non só entreter, senón ensinar que a cociña e a alimentación saudables son moi importantes, pero non están rifadas con pasar un bo rato cando botamos ás mans á masa.

No escenario, a escola de cociña Coki abría as súas portas para todos os pequenos. Dous chefs acompañaron aos nenos por esta viaxe culinaria, xunto coa banda de música formada por violín. acordeón, guitarra, baixo e batería, todos eles engalanados con uniformes de cociñeiros.

"Eu son un arquitecto do gusto. A cociña é unha arte, hai que innovar", anunciou o chef —Luchi Iglesias—, mentres entraba e saía da súa pequena cociña para preparar deliciosas receitas. Mentres, a música en directo non paraba de soar, unhas harmonías que invitaban a nenos e maiores a seguir o ritmo coas palmas.

A outra cociñeira —Gloria Mosquera— cantaba cancións "con moito amor" nas que fomentaba a comida sa, compartía algunhas receitas para un menú completo —como a da ensalada de pasta, tomates recheos, empanadillas de queixo e xamón ou polbo con cachelos—, ou aconsellaba sobre o bo facer na cociña —por exemplo, consellos como non botar a man ás potas fervendo—.

En definitiva, Mamá Cabra brindou un espectáculo no que fixo rir, pero tamén concienciou sobre a importancia dunha dieta equilibrada. E non só aos máis pequenos.

TRAXECTORIA. Este grupo de música infantil leva xa 18 anos sobre as táboas, creando espectáculos cargados de mensaxes que intentan achegar importantes valores para os nenos, como a tolerancia, a transmisión da lingua galega ou a fermosura da poesía. Van xirando por concellos e colexios de toda Galicia, pero a súa música tamén se pode gozar gracias aos seus discos.

Comentarios