De coalicións e outras herbas

Doce partidos concorreron ao Concello en 2019, entre eles, forzas de esquerda que sumaron máis de 4.000 votos e que agora, en horas baixas, deben decidir se se unen
undefined
photo_camera Os cabezas de lista das doce formacións que se presentaron en Lugo ás eleccións municipais en 2019. XESÚS PONTE (ARQUIVO)

Nas eleccións municipais de 2019, na cidade de Lugo presentáronse doce candidaturas, cifra récord desde o ano 1987, pero houbo unha abstención do 38,55%, algo máis do 1% de votos en branco e preto doutro 1% de papeletas nulas, que en ocasións tamén son votos protesta. As organizacións políticas teñen, por tanto, moito a quen apelar na cita electoral do próximo ano, tanto as que teñen presenza institucional como as que resisten fóra.

A dificultade para estas é que, por moitas razóns e quizais máis que nunca, estes son tempos líquidos na política. E proba de que o que vale hoxe mañá xa non, e do difícil que é armar candidaturas, é o que está sucedendo co "proxecto" da vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, e coa coalición de esquerdas para os comicios que van ter lugar en Andalucía. Que cómpre esperar en Lugo? A continuación, algunhas claves:


O influxo dos acontecementos nas escenas galega e nacional

A un ano das eleccións, as organizacións políticas son cautas porque de momento hai "moito ruído e poucas noces", describe o becerrense Manuel Martínez, un deses miura da política que deixou un partido centenario para ir por libre con Galicia Sempre, sabedor de que na política local valen tanto as persoas como as siglas.

Os movementos —os achegamentos, as conversas, as propostas...— van collendo ritmo, pero sen présas, porque neste momento a ollada de formacións e de cidadáns vai máis aló da muralla e incluso de Pedrafita. A atención está na renovación da Xunta e do PPdeG e nas próximas eleccións andaluzas. Porque a política non só é líquida senón que está conectada. Vai por ondas. E o vento que sopre moverá máis unhas papeletas ca outras, como se viu ben en 2019.

Iso, se non se producen adiantos electorais a nivel nacional e a nivel galego, unha sombra que axitan os que menos terían que perder e que seguramente ten máis de desexo ca de probabilidade.

Que partidos políticos concorrerán ás eleccións na cidade de Lugo

Ademais das catro formacións que teñen representación actualmente —PP, PSOE, BNG e Cs—, amosan intención clara de concorrer Vox, Galicia Sempre e Compromiso por Galicia. Ningunha delas precisa neste momento cales son os cabezas de carteis.

A enxeñeira de montes Sonia Teijeiro segue sendo a cara máis visible de Vox, aínda que o partido xa ten demostrado que iso non é garantía ningunha e non ten inconvinte en cambiar listas e nomear candidatos sen relación co territorio, unha decisión sempre arriscada e máis aínda nunhas municipais. As opcións están máis abertas en Galicia Sempre, que en 2019 foi coa entón profesora de Filosofía do Lucus Augusti Carmen González.

Foro Lugo Independente (Fli) non ten razón de presentarse porque a formación era en esencia o seu líder, Ildefonso Saavedra, e este xa volveu hai uns meses ao lugar de onde saíra enfadado tempo antes, o PP. Os populares hai meses que traballan para sumar, porque na cidade dependen dunha maioría absoluta para gobernar e na provincia, de mellores resultados para dirixir a Deputación, e en Galicia Sempre bromean coa "Opa hosti" que xa lle fixo en Burela e en Meira. Co outro obxectivo, a xente de Cs, o PP teno máis difícil, alomenos na cidade, onde Olga Louzao e Juan Vidal-Pardo se amosan ‘insobornables’. 

Converxencia 21, co abogado lucense Xaime M. Requeixo, que en 2019 non fixo campaña, e Compromiso por Galicia, co atleta Manuel Hurtado, foron outras siglas presentes nas urnas en 2019. Compromiso ten participado nalgunhas coalicións electorais e en 2015 algúns membros foron na plataforma Lugonovo, pero nos últimos comicios a organización presentouse en solitario e esa é idea tamén para o ano que vén, segundo explica o secretario xeral, Xoán Carlos Piñeiro. Hurtado deixou a primeira liña e está por ver quen encabezará a lista.

Hai opcións dunha fronte ampla de esquerdas?

As organizacións de esquerda que teñen participado nas últimas citas electorais —algunhas históricas, como EU, e outras máis novas, como Podemos e Lugonovo— e que nalgún momento teñen xogado un papel importante, miran con expectación o proxecto político que vén anunciando Yolanda Díaz dende hai meses e que non acaba de arrincar.  As tres formacións sumaron máis de 4.000 votos en 2019 na cidade, cifra nada desprezable, como fixo notar a alcaldesa, Lara Méndez, na noite electoral, consciente de que lle quitaran votos e lle puxeran en risco a alcaldía.

Estas organizacións mantéñense hoxe expectantes e prudentes porque algunhas forman parte dun goberno estatal que vai dun apuro noutro, porque a proposta de Díaz non acaba de ir para diante e porque despois de 2019 se achicaron, pola pandemia e porque é o que sucede entre eleccións cando non se entra nas institucións e cando se vén de anos de moito desgaste, como lle sucedeu a Lugonovo. Esta plataforma que se dicía cidadá pero que tamén acollía persoas con experiencia en política e procedentes doutros partidos, foise diluíndo ata ser hoxe pouco máis que un grupo que queda de vez en cando para falar de política. "Analizamos a xestión municipal e unha das cousas que vemos é que a oposición está incoparecente", explica Paula Fernández, voceira despois de que deran un paso atrás algunhas desas persoas máis coñecidas, como quen foi o improvisado cabeza de cartel en 2019, Xosé Chorén.

Fernández asegura que a organización está "alerta" e, respecto dunha unha posible coalición, lembra que "a cultura de Lugonovo sempre foi sumar".

Modesta é tamén a actividade de Podemos, despois de que Josito Pérez, candidato en 2019 e unha das caras máis coñecidas da formación, deixase a primeira liña. A organización ten pendente renovar a estrutura en Lugo, pero retomou as reunións, traballa con CC.OO. no ámbito laboral e dende a área de feminismo dá soporte a vítimas de violencia de xénero, explica Álvaro Penas, da área de comunicación.

Podemos Lugo considera que Díaz "é un referente na esquerda política deste país e que unha fronte ampla pode ser o camiño", pero cre que "non hai que precipitarse" e que esta será unha cuestión que se deberá dirimir en asemblea.

Carlos Portomeñe quere deixar paso en Esquerda Unida

A esquerda luguesa non logrou entenderse no pasado para facer unha candidatura única, aínda que as dificultades que teñen este tipo de propostas electorais para que callen, e sobre todo para que funcionen e se consoliden, non son exclusivas de Lugo. Vese agora en Andalucía e viuse no pasado recente en Galicia, con Alternativa Galega de Esquerdas e con En Marea, por exemplo. 

Porén, quen foi candidato de EU Carlos Portomeñe varias veces nas últimas décadas, e a quen algúns responsabilizan desa falta de entendemento, amósase partidario de poñer o contador a cero. Cre que hai que facelo poñendo por diante de siglas e de persoas "o que se quere para a cidade, o que se quere facer co urbanismo, coa cultura...".

A súa vontade de deixar paso e de non volver á primeira liña —mamou a política e vívea moito pero non goza especialmente da local, recoñece— pode que teña que ver con esa mirada xenerosa. Iso e que é preciso dar unha resposta á "resignación" e ao "enfado" de moitos cidadáns coa xestión municipal e pecharlle o paso ás forzas conservadoras, opina. No entanto, é consciente, coma todos, de que os acontecementos que poidan producirse a nivel nacional e galego, políticos e non políticos, acabarán condicionando as propostas electorais que acabe habendo en Lugo e no resto de lugares.

Comentarios