Santiago Fernández Rocha, coa palabra por bandeira

Xubilouse hai dous anos pero o nivel de actividade de Rocha —ou Santiago Fernández Rocha, no DNI— é alto. Vive entre as súas dúas patrias, Benquerencia e Lugo. Pero segue a ser un observador político e un falador empedernido, o que fixo que algúns lle dixesen "O señor Lugonovo" de tanto falar con el sen saber como se chamaba
Santiago Fernández Rocha. XESÚS PONTE
photo_camera Santiago Fernández Rocha, paseando polo parque de Rosalía de Castro. XESÚS PONTE

Volveu á casa da súa infancia, a Benquerencia e, como Rilke, di que a súa patria está alí. Pero tamén en Lugo, onde segue vindo a miúdo. Así, entre as súas dúas patrias, Santiago Fernández Rocha continúa a súa vida de xubilado. Como foi sempre e como foi antes, na súa etapa laboral, cando podía virse de mestre para Lugo e elixiu quedarse no colexio de Abadín por estar na metade do camiño entre Lugo e A Mariña.

Todo ben calculado nunha vida que non llo puxo fácil xa desde moi neno, cando quedou orfo de pai aos 4 anos, e despois de adulto, cando enviuvou con dous fillos a cargo. "Exercín máis de nai que de pai e dígoo porque desenvolvín sentimentos das nais como a comprensión, o achegamento, o agarimo e a protección", explica.

Esta situación fíxolle tamén desenvolver un rol máis doméstico e especializouse en paellas. "Fágoa bastante caldosa e con arroz bomba", aconsella. E noutros pratos máis como a tortilla de calabacín, os chícharos con cebola ou o cordeiro, que deixa un día en vinagre para ter máis sabor.

Rocha ten 65 anos e xubilouse hai dous como mestre despois de 37 anos traballados, 5 deles como sindicalista da CIG. Quería ser xornalista e no colexio Eijo Garay chegou a dirixir un xornal, Noroeste, pero, finalmente, quedouse nas aulas.

Sobreviviu a varias leis educativas pero sempre chegou á mesma conclusión: o mestre ten que motivar. "Eu entendo o ensino como unha educación en valores e sempre me importou moito motivar ao coñecemento en galego", confesa. De feito, o seu último agasallo aos alumnos foi unha obra de teatro, escrita por el mesmo, na que fai un repaso histórico da lingua e literatura galegas e que pode ser empregada como material didáctico.

En canto á política, defínese como un observador, como sempre foi, desde que deu o primeiro paso como dirixente no Centro Democrático y Social (CDS), de Suárez. Desde esa posición, de ver os touros desde a barreira, descarta volver a presentarse a uns comicios municipais, como fixera hai oito anos por Lugonovo. Unha experiencia que o levou ao Concello pero da que se despediu antes de tempo por desacordos con membros do seu propio partido. "Cando un toma a decisión de non volver á política, non debe volver", di.

Cando un toma a decisión de non volver á política, non debe volver"

Rocha confronta as ideas coa realidade e quédase con esta. "Sempre estiven disposto a dialogar e a traballar polo ben de todos. A ideoloxía ou está ao servizo de todos ou é sectaria. Eu participei non como político, senón como cidadán e fixen o que puiden. Estaba claro que alí había dúas estratexias distintas: eu tiña unha e a organización, outra", conta.

O seu paso polo Concello permitiulle contactar con moita xente, coa que paraba a falar na rúa. Moitos non sabían nin como se chamaba e, por dicirlle dalgunha maneira, puxéronlle "O Señor Lugonovo", apelativo que non lle disgusta. "Cando, realmente, notei o meu paso pola política foi cando vin que me seguía saudando moita xente, de ter falado con ela, e que non sei quen é", sinala.

Se ten que resumir a súa xubilación, Rocha di: "Agora vivo. Fago o que quero e o que me gusta". É dicir, viaxa, pasea polo Rato, escribe, le, coida da casa en Benquerencia (onde restaurou un hórreo para que xogase a súa neta) e fala coa xente. "Son, razoablemente, feliz", di. E crémolo.

Comentarios