jueves. 21.10.2021 |
El tiempo
jueves. 21.10.2021
El tiempo

Cirrios, ata o ano que vén

undefined
Cirrios voando na muralla. VICTORIA RODRÍGUEZ
As aves, que teñen na muralla unha das colonias máis importantes da Península, emprenderán a viaxe de volta a África

O CALENDARIO tradicional xaponés distingue 72 microestacións, de catro ou cinco días, o tempo xusto para saber que "os peixes emerxen do xeo", que "os gansos salvaxes migran cara o norte" ou, a que correspondería a estes días, que "hai humidade na terra e no ar". Así son os nomes dese ouvido achegado á natureza, dese gran poema do tempo.

"Os cirrios aniñan nos ocos da muralla", ben podería ser unha versión luguesa para esa microestación que, a pouco que afinemos ollos e ouvidos recoñecemos na cidade a finais de abril. Primeiro son unhas poucas aves as que se deixan ver á volta da muralla, que nunha semana está por completo cuberta co seu voo e canto.

Logo de tres meses de chíos e acrobacias aéreas, ou de "delirante alegría", como a chamaba Ánxel Fole, nuns días emprenderán de novo a viaxe cara o sur. Con espírito nipón, ou octosílabo de copla, "volven os cirrios ao Congo", tamén poderiamos dicir, a modo de despedida.

O nome científico dos cirrios, 'vencejos' en castelán, é Apus apus, que en grego significa "sen pés". Son pequenas as patiñas destas aves. Tanto que, cando apousan, cústalles erguer o seu voo de novo. Poucas son as súas pegadas no chan. A vida dos cirrios está no aire.

No aire ascenden máis de 4.000 metros pola noite, para durmir sobre algunha masa de ar quente. No aire aliméntanse de placton aéreo, o equivalente atmosférico ao mariño. No aire despregan o seu ritual cortexo. No aire copulan. No aire atinxen case 200 quilómetros por hora en picado antes de virar, tolos do ceo. As novas tecnoloxías de radar permitiron saber que incluso durante eses 20.000 quilómetros de migración dende Kenia ou Tanzania, bordeando o litoral africano, son poucas as paradas que fan.

Os cirrios poden chegar a voar 1.000 quilómetros nun día. Só paran para criar, e inda que o fan en moitos lugares da cidade, a muralla é o seu favorito, onde despregaron unha das maiores colonias da Península. Os máis visibles son os máis novos, os que veñen só para elixir onde criar o ano seguinte. Os reprodutores experimentados pasan máis desapercibidos. Xa veñen con memoria exacta a ese lugar entre lousa e granito.

Como aves silvestres, os seus niños están protexidos pola Lei de Patrimonio Natural. Por iso, as obras na muralla nunca se fan na súa época de reprodución e, cando se acometen, eses ocos que a fan tan atractiva para as aves respéctanse. Se cómpre reconstruír parte dun muro, téñense que ter en conta, contaba para este xornal Marcos Otero, biólogo encargado da conservación da colonia. Estes protocolos fixeron da muralla un exemplo de boa xestión do patrimonio monumental e faunístico.

A escritora e naturalista inglesa Helen Macdonald conta en Vesper flights que eses niños están feitos das cousas máis diversas atopadas no aire, dende plumas da muda do peito das pombas a pétalos de flores, ás de bolboretas, febras de herba... pequenos restos que rozan a estratosfera e que eles volven traer á terra nese outro poema engarzado no bico.

Os cirrios foron elixidos como ave do ano para a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO), un recoñecemento co que a entidade destaca dende o 1988 os perigos que se cinguen sobre certas especies. "Dende hai uns anos propón especies que son máis comúns para chamar a atención sobre o feito de que estas aves tamén están sufrindo un declive", indica Óscar Rivas, presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía.

A destrución dos seus lugares de cría ou o uso de praguicidas ou pesticidas que minguan a poboación de insectos dos que se alimentan son algunhas das causas deste declive que se suma a tantos outros, alarmante.

Que marchen os cirrios, e que volvan. Que fagan o ceo antigo e novo, que cingan a muralla, que rompan a néboa, que traian consigo unha estación, unha microestación, que nos ensinen a querer un pouco máis o aire.

Cirrios, ata o ano que vén
Comentarios