miércoles. 08.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 08.12.2021
El tiempo

Lugo, unha cidade en pleno proceso de estudo e reforma

Trabajos en Lugo.
Traballos en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ/SEBAS SENANDE
A capital lucense acolle varias iniciativas de conservación do patrimonio que xa están aportando coñecemento sobre o pasado da cidade ▶ Algunhas son públicas, como as da muralla, o claustro da catedral e a igrexa de San Pedro, e outras privadas

A muralla e o claustro da catedral son dous dos bens da cidade nos que acaban de iniciarse traballos arqueolóxicos previos a actuacións de conservacións.

No monumento romano a intervención lévase a cabo uns metros arriba da porta de Santiago, entre os cubos XXX e XXI. Son uns doce metros nos que a retirada da area superficial xa permitiu chegar ao macizo romano, como é habitual. Non se agardan sorpresas porque nesa altura non hai ningunha escaleira, aínda que se fará unha cata coa finalidade de definir o trazado orixinal do cubo XXX. Tamén se fará levantamento topográfico e fotogrametría 3D, traballos que mellorarán o coñecemento da muralla.

O principal obxectivo desta actuación é solucionar as patoloxías que presenta a pedra nesta altura do monumento, como a disgregación de morteiros e a aparición de fisuras, provocados sobre todo pola choiva e o paso do tempo. Para iso desmontaranse petos e muros, impermeabilizarase e reconstruirase a estrutura. O proxecto dá continuidade a outro case idéntico que se levou a cabo o ano pasado no cubo XXI. Entre os dous suman 279.000 euros.

Os arqueólogos traballan tamén a poucos metros, no claustro da catedral. É este un depósito "impresionante", en palabras dos profesionais, pero non se excavará na súa totalidade, senón que serán prospeccións acotadas. Estanse retomando algunhas das que se iniciaron ao longo do último ano, que xa entón aportaron restos de distintas épocas, como unha construcción romana, muros do que apunta que foi o claustro medieval e tumbas de distintas épocas.

O claustro da catedral é un depósito "impresionante", segundo os profesionais

No subsolo do claustro podería verse tamén parte do sistema hidráulico da catedral, que estaba conectado á cloaca romana que pasa por ese lugar, pero non están previstos traballos de tanta envergadura. Si se traballa na contorna da porta románica que comunicaba a nave central da basílica co claustro, que co tempo se pechou. Dende o interior da catedral distínguese perfectamente, xa que nalgúnha época ese espazo pechado usouse como armario dunha confraría e aínda se poden ver as portas de madeira. Na bóveda tamén se conservan pinturas. Ao cabido gustaríalle abrir de novo ese paso, pero é unha decisión que aínda non está tomada. A restauración do claustro está orzamentada en 411.732 euros e finánciaa a Xunta dentro do seu plan de catedrais.

En fase final está a restauración da igrexa de San Pedro, que tamén sufraga a Consellería de Cultura, con 760.000 euros. É un templo de gran interese histórico e artístico xa que conserva, por exemplo, un dos poucos teitos mudéxares de Galicia. É tamén un templo moi querido polos lucenses, por iso a máis de un chamoulle a atención o aspecto que se lle deu á torre do campanario, que agora loce pintada cando antes tiña a pedra á vista. En realidade, o que se fixo foi devolverlle o seu aspecto orixinal, como mandan as directrices de restauración, segundo confirmou Cultura.

CARRIL DOS FORNOS. Obrigatorio é tamén o control arqueolóxico previo a calquera intervención no casco histórico e iso é que se fixo nun solar privado do Carril dos Fornos. O seu propietario aínda non presentou ningún proxecto para el porque, ao revés do que adoita suceder, primeiro quixo saber que se escondía baixo o solo. Os restos que apareceron non teñen gran entidade construtiva porque é unha zona moi intervida ao longo da historia (aí estivo a panadería do Mudo). Víronse tres usos de época romana: un conxunto artesanal (alfareiro e metalúrxico), un edificio residencial posterior e estruturas metalúrxicas de cando a cidade perdeu puxanza.

Peonalizacións que aportan coñecemento
Cada vez que se fai unha intervención de calado nas rúas de Lugo é unha oportunidade para afondar no coñecemento do pasado da cidade. A obra da Mosqueira permitiu saber que o sistema defensivo da muralla tiña uns 60 metros de ancho, cun foso que puido superar os 25.

¿Un balneario en Quiroga Ballesteros? A peonalización de Quiroga Ballesteros supuxo a localización de tres grandes hipocaustos (sistema de calefacción romano) de tal tamaño que só poderían pertencer a un edificio público, apunta o arqueólogo Francisco Herves

Lugo, unha cidade en pleno proceso de estudo e reforma
Comentarios