Xosé Chorén: "Hai que empoderar Lugo para asumir que merece outro estatus dentro das cidades galegas"

Volve á política 8 anos despois de deixar o Concello logo de ser concelleiro do BNG, e faino como alcaldable de Lugonovo

Xosé Chorén. SEBAS SENANDE
photo_camera Xosé Chorén. SEBAS SENANDE

Xosé Chorén (Taboada, 1967), como outros candidatos que aspiran á alcaldía, é un lucense de adopción, pois chegou á cidade aos 18 años. Cre que ser alcalde é o reto político máis ilusionante que pode haber na cidade e, entre as medidas que adoptaría se chega a selo, está a de buscar empoderar a Lugo para que teña outro estatus dentro das cidades galegas. 

Volve á primeira liña da política como alcaldable e con outras siglas. Que lle fixo dar o paso? 

Foi a petición de persoas de Lugonovo e si que reflexionei. Decidinme porque detrás do proxecto vin moita ilusión, gañas de mellorar as cousas e frescura. Lugonovo é algo moi distinto a unha organización tradicional onde o funcionamiento é moi horizontal e todos traballamos a partes iguais sen importar a posición na que se signifique un socialmente. É una plataforma moi transparente e a pé da terra. 

Pero as plataformas ás veces tutelan de máis e o seu antecesor deixou o Concello por discrepancias coa asemblea de Lugonovo. 

Máis ca un problema de tutelas é de tempos. Cando un representa a unha plataforma cidadá, á hora de plantexar movementos políticos requírese unha análise desa asemblea. Hai que manexar ben os tempos e a información ten que fluír primeiro nesa asemblea para logo sentarse a negociar con tranquilidade, pero tamén coa autonomía que se require para falar entre persoas e chegar a acordos. 

En principio estaba previsto que fose alcaldable Cristina Pérez. Tivo algo ver nese cambio que as enquisas lles daban perda de votos? 

Cristina Pérez ten unha bagaxe política importante e que En Marea a elixise para encabezar a lista ao Congreso non vexo que sexa restarlle méritos. Estes días está oscilando o escano de Lugo e creo que En Marea acertou plantexando que fose de candidata. Que esa decisión provocara que eu participase nas primarias para volver elexir candidato? Pois supoño que terá que ver con que xente de Lugonovo valorase que pola miña vida política e profesional teño certa referencia social. 

Arrepíntese Lugonovo de non ter gobernado estes catro anos co PSOE e, se volve darse a caso, serán máis flexibles para pactar? 

Dous non bailan se un non quere e esto define boa parte do que pasou estes catro anos. Para facer un goberno de solvencia requírese máis vontade da que Lugonovo percibíu neste mandato. Agora Lugonovo vaise someter ao exame cidadá e vai ver se é tan importante como nós o consideramos para Lugo. En función diso, gobernará ou valorará outras alternativas. O que queremos ser é a representación do sentidiño, temos que ser conscientes de que o éxito para os cidadáns non son as disputas políticas senón a boa xestión. Obxectivamente queremos ser construtivos. 

De ser alcalde, dígame as tres primeiras medidas que poñería en marcha de chegar a gobernar? 

Deberían ir encardinadas en tres ideas forza e terían que xirar en torno a, primeiro, a resolución do conflito laboral do Concello para poder optimizar a atención ao cidadá. Segundo, en revisar e planificar o día a día das persoas, a mobilidade, os servizos sociais... E terceiro, empoderar Lugo, para que os 100.000 lucenses asumamos que Lugo merece outro estatus dentro das cidades galegas. Non é normal que no 2019 non esteamos conectados por autovía coa capital galega, que non teñamos un ferrocarril que permita a mobilidade diaria coas localidades da provincia ou con outras cidades. En vez de vender fume, hai que buscar cousas do día a día. 

E que faría co Garañón? 

Primeiro quero velo desaparecer. Iso é o máis importante. Que se depuren responsabilidades, que sirva de lección para que a cidade non volva vivir esta situación e devolver a zona ao seu estado orixinal, porque é unha parte da cidade que se pode xunguir co río para unilo coas costas do Parque. Ten que ser a zona máis impactante de Lugo.

Comentarios