Chega a Lugo o ciclo de arte vivo Mexer

O MIHL acollerá un total de seis actuacións o 20 e o 21 de agosto
Presentación do ciclo Mexer. EP
photo_camera Presentación do ciclo Mexer. EP

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua en Lugo, Maite Ferreiro, presentou xunto con integrantes da galería de arte Solaina o ciclo de arte vivo Mexer, que achegará ao MIHL seis actuacións artísticas durante o 20 e o 21 de agosto. A edil de Cultura explicou que "a performance é un xénero dentro da cultura que está a ter unha gran acollida por parte de moitas artistas galegas, e actualmente está a ter un papel importante e fundamental na arte de vangarda".

O ciclo de performances Mexer está organizado pola galería de arte Solaina, e conta coa colaboración da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. A entrada ás distintas performances será libre ata completar a cabida de cada unha das ubicacións.

Durante a fin de semana do 20 e 21 de agosto, seis artistas desenvolverán a súa proposta nos distintos espazos do MIHL. Contarase coa participación de María Roja, Noel Quintela, Airezzz, Akacie, Sofía Fernández e Alberto Villasagra Chex. "Achegamos deste xeito unha proposta artística e cultural novidosa que ten un bo encaixe nun espazo tan singular como o MIHL", declarou Maite Ferreiro.

Comentarios