O barrio da Chanca despreguízase aos poucos

Hai tres ou catro décadas era un barrio no que bulía a vida e que, como outras contornas rurais, foi esmorecendo na media na que os seus veciños ían envellcendo
O barrio da Chanca
photo_camera O barrio da Chanca. XESÚS PONTE

A uns metros do centro urbano, ao que se chega en cinco minutos camiñando, próximo tamén ao hospital, con natureza domesticada á beira e en estado natural uns poucos metros máis aló, unha chea de casas baleiras e o Camiño Primitivo polo medio, o potencial do barrio da Chanca é evidente. Porén, e aínda que nos últimos anos chegaron ao lugar algúns veciños novos, fáltalle moito aínda para ter a vida da que gozaba hai tres ou catro décadas, cando Rosa Carballal, daquela unha nena, ía á casa da súa familia.

Co tempo acabaría herdando e trasladándose a esa propiedade, que logo restaurou. Foi en 2007 e dende entón ela e a súa familia son testemuñas de como chegaba algún veciño máis ao barrio e, sobre todo, de como o Camiño de Santiago, un dos sinais de identidade da Chanca, gañaba peregrinos de forma exponencial.

Un proxecto d epensión con comida na Chanca. XESÚS PONTE
 Unha pensión con comida. Leonardo Zordán e a súa familia chegaron ao barrio hai seis anos e neste momento rehabilitan unha segunda edificación na que este ano prevén abrir unha pensión con comida. Está a carón do Camiño Primitivo, non moi lonxe do albergue Casa da Chanca. XESÚS PONTE

Tal é así, que en 2016 abría no lugar un albergue, Casa da Chanca, en cuxo exterior é habitual ver grupos de camiñantes collendo folgos, sobre todo cando o ano vai medrando e o sol, quentando máis.

"Si hubiera tanta oferta de casas como hay demanda, el barrio de A Chanca estaría lleno de gente", afirma un dos seus veciños

Cun río polo medio, A Chanca pode parecer un lugar frío, pero os seus veciños aseguran que "non é máis ca outros sitios" de Lugo. "No pasamos más frío que otros lucenses. Y estamos al este, vemos el sol antes que en Acea de Olga", apunta Leonardo Zordán, que foi un dos últimos veciños en chegar ao barrio xunto á súa familia. Tan a gusto están, que mercaron unha segunda casa que xa comezaron a rehabilitar e na que este ano prevén abrir unha pensión con comida. A súa intención era continuar no sector da hostalería, que é o seu. Xa son moitos os padais que conquistou coa comida do seu país dende que este italiano chegou a Lugo, na pizzería Mangiarte, da Rúa Miguel de Cervantes, e no mercado de Quiroga Ballesteros, onde vende e cociña pasta. Porén, a casa da Chanca está en pleno Camiño Primitivo e o proxecto pedía hospedaxe, así que, quen por alí recale, atopará unha pensión con comedor. A varios meses vista, non está en condicións de concretar que menú ofrecerá, pero asegura que con fame non vai marchar ninguén.

Como Rosa, Leonardo comproba a miúdo como o barrio xera interese en xente que busca vivenda, pero o problema é que a oferta é escasa. E non é porque non haxa casas baleiras. Moitas precisarían unha boa presa de cartos para poñelas a punto e facelas confortables e todo apunta a que hai xente disposta a investir, pero semella que os propietarios non están decididos a desfacerse delas. "Si hubiera tanta oferta como demanda, el barrio estaría lleno de gente", asegura o veciño e hostaleiro. El leva seis anos no lugar, porque o proceso de rehablitación foi laborioso debido á protección que teñen estas edificacións pola súa proximidade ao Camiño. Pero en parte dá grazas por isto, porque opina que "Lugo es un ejemplo de que, cuando no hay límites, la urbanización no es la más bonita". E ninguén ten unha ponte de 150 anos ao carón, como o monumental viaduto ferroviario, presume.

A Chanca, rúa de deportistas. XESÚS PONTE
Camiño de deportistas e de peregrinos. No barrio da Chanca adoita a quietude nas edificacións, xa que moitas quedaron baleiras hai anos e seguen envellecendo, pero polas súas rúas o tránsito de peregrinos e de xente que se dirixe ao Rato para facer deporte ou camiñar é constante. XESÚS PONTE

Por épocas, A Chanca non é allea a problemas que se dan noutras zonas da cidade onde hai casas baleiras e pouco coidadas, como a okupación, pero ata o momento non houbo grandes problemas de convivencia.

O silencio que domina moitas edificacións do barrio contrasta co bulir das súas rúas, onde o tránsito é modesto pero case continuo. Peregrinos, veciños da cidade que van camiñar ou facer deporte polo cinto fluvial e ata traballadores e doentes que se dirixen ou volven do hospital Lucus Augusti adoitan percorrer os camiños dun barrio cuxo encanto radica, en parte, nesa tranquilidade.

A Chanca, moita demanda e pouca oferta. XESÚS PONTE
Moita demanda e pouca oferta. Os veciños da Chanca son testemuñas do interese que hai por mercar e rehabilitar vivendas no lugar, pero a oferta é escasa, a pesar de que son numerosas as vivendas que están pechadas e deteriorándose. Algunhas mesmo foron okupadas nalgúns momentos. XESÚS PONTE
Obras na ponte do ferrocarril
Sobre a Chanca sobrevoa o que foi un dos símbolos da modernidade de Lugo, a ponte que permitiu que o tren chegara á cidade. A estrutura está hoxe en obras, porque hai moito tempo que o tren en Lugo significa máis atraso ca modernidade.

Electrificación. As obras que se levan a cabo teñen por obxecto protexer unha ponte de 150 anos e reforzala para mellorar as súas condicións de durabilidade e para instalar a catenaria que permitirá electrificar a vía. Ata maio, Renfe traslada os seus viaxeiros en autobús ata Monforte, e viceversa, debido aos traballos.

 

Comentarios