jueves. 01.10.2020 |
El tiempo
jueves. 01.10.2020
El tiempo

César Mogo: "A experiencia política pódeme axudar a traer cousas a Lugo"

César Mogo, esta semana na Praza Maior de Lugo. XESÚS PONTE
César Mogo, esta semana na Praza Maior de Lugo. XESÚS PONTE

O candidato do PSOE opta por representar a provincia de Lugo no Senado tras un proceso de designación que escamou no socialismo lucense

Natural de Valadouro, César Mogo é unha das personas do gabinete do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao que acompañou en negociacións sobre inmigración en Bruselas ou na viaxe a Cuba. Agora opta a representar a provincia de Lugo no Senado tras un proceso de designación de candidatos que escamou no socialismo lucense.

É do Valadouro, ten casa alí, fala galego..., pero a súa vida persoal e profesional está en Madrid dende hai trinta anos. Entende que algúns o consideren paracaidista?
Enténdoo case todo, pero creo que quen pensa que o son non me coñece. A miña morfoloxía, estrutura e personalidade é de lucense, da Mariña e do Valadouro. Hai dez anos elixín volver a militar no PSOE en Lugo por algo, porque é o meu espazo político natural.

Di que quen o coñece non o diría. Pode que o seu grao de coñecemento sexa un hándicap para arrastrar voto? O seu antecesor di que ten o reto de darse a coñecer.
Agradezo os consellos, sobre todo de quen ten experiencia institucional e de partido. E pretendo seguilos porque a proximidade e o coñecemento sempre son positivos, en política e en calquera actividade, pero eu creo que a xente o factor persoal sabe ponderalo.

O malestar xurdido puido deberse ao como se fixo o proceso de designación de candidatos? Podemos arrastrou ao resto de partidos a unha dinámica de primarias, ou de consulta aos militantes, para ser máis precisos, que está xerando conflitos. Comparte o procedemento ou cre que é mellorable?
Non creo que a orixe estea en Podemos, o PSOE fixo unhas primarias en 1998. Neste caso non foron primarias, se non chamaríanse así e faríanse como están establecidas, senón un proceso para mostrar preferencias. Todo é mellorable, pero creo que os procesos de participación do PSOE son moi razoables e equilibrados. A min recíbenme con moito afecto alí por onde vou, creo que o partido xa está noutra cousa.

Coñece ben a dinámica parlamentaria. Que cre que debe ter un deputado ou senador?
Coñézoa ben porque levo, dunha maneira ou doutra, traballando moito tempo co Congreso e co Senado, e esta tempada levei a responsabilidade parlamentaria co presidente do Goberno. Creo que é moi importante ter capacidadede iniciativa. Hai que aterse á disciplina do grupo, pero debe haber unha vinculación co territorio importante e un coñecemento, porque esas posicións son as que tes que defender primeiro no teu grupo e despois cos outros, para levar adiante as iniciativas. Por exemplo, estou convencido de que o tema do mundo rural ten cabida nunha cámara territorial.

É un deses asuntos nos que todo o mundo está de acordo pero que ninguén trata como se precisa.
Si, eu creo que falta determinación política. Xa sei que os resultados non van ser inmediatos...

Tamén por parte do PSOE, non é un problema que xurdira onte.
As grandes tendencias veñen de moito antes, da industrialización do país, e agora estamos vendo as dificultades para articular servizos, iniciativas e industrias. A administración, en termos xerais, non actúa como aliada, aporta procedementos, pero teñen que ir acompañados de solucións. Debía ser un tema de consenso porque é un tema de país, e creo que o Senado pode ser unha Cámara para iso.

Este Goberno ten gran vocación reformista, pero tes que ir coa dereita, e eu véxoa renuente, cando menos

Cre que os cidadáns tamén consideran que o Senado pode ser útil para iso?
Hai moitas dúbidas da utilidade do Senado, debe reformarse.

Outro asunto no que hai acordo pero no que non se avanza.
Non quero facer moito partidismo, pero o PP non axudou nos últimosanos. Mentres a dereita teña dúbidas coas autonomías... O Parlamento galego votou a favor dunha iniciativa do PsdeG sobre o uso do galego na administración co apoio do PP e á vez Casado defendía que non pode ser requisito. A dereita ten sempre a tentación do discurso recentralizador, e iso enturbia o debate. Parece mentira, pero non hai espazos institucionais potentes de debate territorial. Está a conferencia de presidentes, pero depende de se se convoca ou non. Un país cunha descentralización grande debe ter foros de debate ede toma de decisións.

Forma parte do gabinete do presidente. Esa cercanía e suponse que certa influencia será unha vantaxe para acadar logros para Lugo?
Non o sei, porque o presidente ten unha responsabilidade moi grande. Pero máis que fixarme nel, diría que teño uns coñecementos e unha rede de contactos, unha aprendizaxe política de bastante tempo que me pode favorecer para traer cousas.

Que lle gustaría traer?
Unha estratexia efectiva para o mundo rural. E un reto pendente de Galicia creo que é a industrialización. Vivín o nacemento de Alcoa e sei o que supón unha industria para unha comarca. Penso que Galicia necesita unha revitalización política. A Xunta fai unha política do disimulo, observo certo bloqueo, sensación de parálise.

Non a hai por parte do Goberno central? Tras anos criticando os orzamentos do PP para Galicia, a proposta do PSOE era baixalos.
Bueno, por determinadas circunstancias, hai un efecto distorsión cos investimentos do Ave.

Pero Galicia segue tendo necesidades e grandes. Dío vostede.
As necesidades son grandes en todas partes. Logo, tamén hai políticas específicas sobre as persoas que chegan a Galicia. Hai sensibilidade do Goberno cara a Galicia, o que pasa é que os orzamentos reflicten un momento concreto. Tampouco houbo a marxe presupostaria necesaria porque PP e Cs bloquearon a senda de déficit. É unha contradición que terán que explicar. En dez meses demostrouse que, cunha boa xestión económica, é posible recuperar niveis incluso previos á crise, ampliar dereitos. A pesar do que diga o PP, España crece máis que a maioría de economías europeas e o emprego nos últimos seis meses do 2018 foi superior aos seis primeiros. Este Goberno ten unha gran vocación reformista, tamén no debate territorial, pero tes que contar coa oposición, e eu véxoa en posicións renuentes, cando menos.

"É un dirixente temperado e moi serio e esixente, non vexo rastro de frivolidade no presidente"
Como é o presidente?
[Sorriso e silencio] Unha pregunta coa que non contaba! Soubo ver o que demandaba a esquerda española e creo que sabe ver o que demanda o país. Ten un proxecto moi viable en términos de avance. Pensa moito as decisións e tómaas con moita determinación.

Déixase asesorar ou é dos do non é non en tódolos ámbitos?
Escoita. Non podería dicir o grao no que fai caso, pero a clave do dirixente é que tome decisións. É temperado, e moi esixente e rigoroso, non quere utilizar cousas que non estean comprobadas.

Sospeito que é o que diría calquera asesor do seu xefe.
Si.., por iso me crea certa impotencia! Pero é certo que escoita moito. É un dirixente moi serio.

Hai quen ve frivolidade...
Quen o di non coñece. Forma parte do ruído mediático. Gañou unhas primarias, fixo unha moción de censura moi seria e a acción de goberno nestes meses tamén o demostra e espero que se vexa o 28. Non vexo rastro de frivolidade.

O que fixo foi unha depuración de quen non o apoiou en primarias.
É lóxico que queira ter equipos parlamentarios cohesionados e de confianza, pero hai persoas que non o apoiaron que encabezan as listas ou forman parte delas.

Virá a Lugo na campaña?
Oxalá, pero non o sei, non me ensinaron aínda o cronograma.

César Mogo: "A experiencia política pódeme axudar a traer cousas a...
Comentarios