"O humor é un rasgo antropolóxico, pero sempre foi marxinal na filosofía"

"Celestino Fernández de la Vega merece un Día das Letras Galegas sobradamente"

Especialista en Kant, María Jesús Vázquez comparte co profesor Alexandre Veiga a organización do curso anual máis representativo da facultade de Humanidades, que comeza este martes e versará sobre ‘'Cultura e Humor'’. O tema é unha homenaxe a Celestino Fernández de la Vega, pensador lucense para quen reivindican un maior recoñecemento
María Jesús Vázquez Lobeiras
photo_camera María Jesús Vázquez Lobeiras

Cúmprese este ano o trixésimo aniversario do pasamento de Celestino Fernández de la Vega e na facultade de Humanidades aproveitaron para reivindicar, como xa fixeran en 2014 co centenario do seu nacemento, a súa trascendencia na historia cultural da cidade e a orixinalidade do seu ensaio ‘O segredo do humor’, publicado en 1963. O programa do curso é unha homenaxe ao seu tema central, o humor, enfocado desde perspectivas ben distintas.

Parece que só na facultade de Humanidades se lembra a figura de Celestino Fernández de la Vega, pouco reivindicada en Lugo...

Exactamente. Para nós foi un descubrimento. Eu estudei Filosofía e na facultade todos coñecíamos a súa tradución de ‘Da esencia da verdade,’ de Heidegger, ao galego, que preferíamos antes ca versión en español, pero descoñecía a súa outra faceta de activista cultural en Lugo. Estivo involucrado con todas as institucións que tiñan que ver coa cultura e adicou moito esforzo a traer a Lugo todas as actividades culturais que puido. Outra faceta moi salientable son as súas famosas tertulias de café, nas que se reunía xente moi variada e falábase de todo, en plena ditadura, desde fútbol a política, noticias literarias, de tipo filosófico... Hai xente que non foi á universidade que di que para eles esa foi a mellor universidade.

A pesar dese activismo, é unha figura bastante descoñecida...

Non está suficientemente recoñecido, merece moito máis. De feito, queremos promover que se lle adique un Día das Letras Galegas porque o merece sobradamente. El fixo ensaio filosófico en galego nun momento moi difícil no que iso supoñía unha reivindicación, de feito tivo problemas coa censura. Deu un pulo moi forte á filosofía en galego, foi un pioneiro. A súa obra é breve en extensión, pero de enorme calidade. E a súa faceta de activista cultural en Lugo paréceme extraordinariamente importante. A cidade deberíallo recoñecer, ogallá houbera máis cidadáns así, xente que vive a cultura dunha maneira xenuina e trata de compartila. Para min ten moito mérito e incluso unha certa exemplaridade. Emocionounos moito cando atopamos un proxecto para facer unha facultade de Letras en Lugo, no que aparece incluso o plan de estudos. É dicir, somos un soño de Celestino Fernández de la Vega.


"Fixo ensaio filosófico en galego nun momento moi difícil e tivo problemas coa censura"


Fixeron un estudo sobre a súa obra, que se vai facer con el?

Fíxose un inventario, que é o primeiro que hai que facer á hora de abordar un legado, saber o que hai. O legado en si daría para varias investigacións e doutoramentos e na facultade xa hai algúns estudantes que se interesaron en profundizar nalgún dos aspectos. Nós, no 2014, fixemos unhas xornadas para conmemorar o centenario do seu nacemento que van derivar nun libro que xa está no prelo e que o vai publicar a Deputación ao longo deste ano. Eu quero editar as cartas que chegaron a Celestino do seu amigo Domingo Carballo, outro lucense moi interesante que estaba en Friburgo e era amigo persoal de Heidegger. El foi o que facilitou o contacto para traducir Da esencia da verdade.

Que revela esa relación epistolar?

É moi interesante porque pon de manifesto que Domingo Carballo tiña unha relación moi persoal con Heidegger e que Celestino de la Vega nese momento era a persoa que en toda a Península Ibérica tiña un contacto máis próximo co filósofo alemán, de forma indirecta, tanto persoal como intelectual. Cónstanos que recibía incluso textos inéditos de Heidegger. Iso é moi impactante para a xente de Filosofía.


"Compartía as facetas persoais de Heidegger e iso poñíao nunha posición moi special para aproximarse á súa obra"


Había vontade de Heidegger de facerllos chegar ou era Domingo Carballo quen llos mandaba pola súa conta?

Era Domingo, que se facía con inéditos. El tiña unha tese matriculada con Heidegger e eran amigos persoais. Nas cartas aparecen noticias de tipo persoal. Nunha delas, polo Nadal, Domingo Carballo cóntalle a Celestino que don Martin estaba moi contento porque o seu fillo, que fora feito prisoneiro no frente ruso, ía volver por primeira vez para pasar o Nadal coa familia. Por iso digo que compartía as facetas íntimas e persoais de Heidegger e iso poñíao nunha posición moi especial para aproximarse á súa obra. Hai unha anécdota moi famosa sobre o filósofo Xavier Zubiri, que foi a Friburgo porque se sentía heideggeriano e Heidegger nuncha chegou a recibilo, pero volveu a España como heideggeriano oficial. En cambio, en Lugo había un tipo moi discreto compartindo emocións reais da intimidade familiar e persoal de Heidegger.

O limiar da obra é do propio Heidegger, non si?

É unha carta que escribe Heidegger a Domingo comentando o contido de ‘Da esencia da verdade’ e autorizou o seu uso como prólogo. Heidegger coñecía esta tradución. A familia de Celestino Fernández de la Vega conserva o recibo de cando Heidegger recibiu o pagamento da editorial Galaxia polos dereitos de autor, asinado do seu puño e letra. Iso non pode quedar esquecido en Lugo. Hai que dicir que este inventario fíxose grazas á súa viúva, María Luisa Maceda, que nos abriu as portas da súa casa. Ela custodiou todos os papeis durante moitos anos, dedicoulle moitas horas a reorganizar todo e tivo o detalle de poñelos nas nosas mans e de estar con nós, con Ramón Veiga Alonso, de Historia Contemporánea, e comigo, durante a elaboración do inventario. Lugo debe recoñecer o mérito de Celestino Fernández de la Vega. Tamén merece un Día das Letras Galegas e que a súa viúva poida vivir ese recoñecemento.

Comentarios