Catas arqueolóxicas e retirada da beirarrúa, primeiros pasos cara a peonalización da Mosqueira

 Arroxo visita o inicio das obras: "Esta actuación servirá como espello de como se pode humanizar o entorno do monumento máis importante de Lugo  coa retirada de vehículos"
Visita ás obras de peonalización da Mosqueira. EP
photo_camera Visita ás obras de peonalización da Mosqueira. EP

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, visitou esta mércores pola mañá o inicio dos traballos de peonalización da contorna da Mosqueira. O tamén concelleiro de Mobilidade explicou que "nestes primeiros días de traballo estanse a levar a cabo as catas arqueolóxicas que permitirán coñecer como é o foso da muralla neste treito".

Ademais, estase a executar simultaneamente a retirada da beirarrúa e da antiga instalación de alumeado da muralla, que será renovado nesta actuación. En total, a execución das obras ten un prazo de 8 meses, e foi licitado por 588.836 euros á empresa Hermanos Pico Yañez.

"Unha das liñas de traballo da área de Mobilidade, da que é protagonista a peonalización do tramo da Mosqueira, é retirar progresivamente os vehículos da muralla, dando así solución ás vibracións que están a converterse nun problema para a estrutura, tal e como advertiu o Icomos", explicou Rubén Arroxo.

Nun comunicado, salientou que a nova praza peonil resultante será "un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira". Ao respecto, engadiu que "esta actuación servirá como espello de como se pode humanizar o entorno do monumento máis importante de Lugo coa retirada de vehículos".

Comentarios