Un dos pais do nacionalismo galego, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, conta desde este mércores cunha estatua na céntrica Rúa da Raíña, fronte ao hotel Méndez Núñez, onde o polifacético artista de Rianxo estivo o 18 de novembro de 1918 para asistir á I Asemblea Nacionalista en Lugo.
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, salientou que coa instalación desta figura, que é obra da escultora pontevedresa Cuqui Piñeiro, o Concello de Lugo "salda unha débeda histórica que ten con Castelao", ao que cualificou como "unha figura crucial para a historia e a cultura de Galiza".
Ademais da súa estadía en Lugo para asistir á asemblea promovida polas Irmandades da Fala, cita histórica onde o galeguismo político deixa atrás o rexionalismo e avanza cara o nacionalismo, Castelao regresaría á capital lucense en 1936 con motivo da campaña electoral do Estatuto de Autonomía de Galicia.
Durante a laboriosa colocación desta estatua, o tenente de alcalde lucense explicou que con esta creación artística réndese tamén unha homenaxe a "este senlleiro intelectual" cando se conmemora o centenario da revista Nós, bautizada así a proposta do propio Castelao, da que ademais foi o seu responsable artístico.
Nós foi unha publicación en galego, de múltiples contidos, que viu a luz en 1920 en Ourense e que latiu ata 1936, baixo a dirección de Vicente Risco.
O Concello prevé celebrar un acto de inauguración o 30 de xaneiro co gallo do 135º aniversario do nacemento de Castelao
INAUGURACIÓN. Rubén Arroxo anunciou que o próximo 30 de xaneiro, se a situación sanitaria o permite, está previsto que se celebre un acto para inaugurar esta estatua coincidindo co 135º aniversario do nacemento do escritor e debuxante.
O concelleiro nacionalista enlazou esta actuación con outras levadas a cabo nos últimos meses, segundo dixo, para "revitalizar esta cidade da man da cultura", como a restauración dos monolitos dos escritores que están espallados pola Praza Maior e a Rúa Bispo Aguirre ou o traslado do busto de Xoán Montes desde os xardíns de San Roque ata o quilómetro cero da capital lucense.
A instalación desta obra en recoñecemento a Castelao fora acordada pola xunta de goberno do Concello de Lugo hai apenas tres meses, a mediados de setembro pasado.
A estatua e os monolitos que completan a nova composición artística, creada por Cuqui Piñeiro, atraeron o mércores a moitos lucenses, que non desaproveitaron esa ocasión para fotografarse xunto á creación.
Debuxos
Nunha desas recreacións, que está inspirada nun debuxo dos anos vinte que forma parte da colección Cousas da vida, publicada no semanario vigués Galicia, aparecen dous paisanos conversando. Á pregunta que fai un, E logo?, o outro respóstalle: Xa ves, mexan por min e teño que dicir que chove. Desa mesma etapa creativa é tamén o outro, no que un galego di: Hai que acabar cos caciques de antes, ao que lle responde o seu conveciño: E cos de agora, se non lle parece mal.
Autora
Licenciada en Xeografía e Historia, Cuqui Piñeiro (Goián-Pontevedra, 1960) herdou a paixón pola escultura de seu pai. Compaxina a súa faceta artística coa dirección dunha fundición de bronce e unha galería de arte.