Castelao 'volve' a Lugo un século despois

Unha escultura do intelectual loce ante o hotel Méndez Núñez, onde asistiu á I Asemblea Nacionalista en Lugo en 1918

Un dos pais do nacionalismo galego, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, conta desde este mércores cunha estatua na céntrica Rúa da Raíña, fronte ao hotel Méndez Núñez, onde o polifacético artista de Rianxo estivo o 18 de novembro de 1918 para asistir á I Asemblea Nacionalista en Lugo.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, salientou que coa instalación desta figura, que é obra da escultora pontevedresa Cuqui Piñeiro, o Concello de Lugo "salda unha débeda histórica que ten con Castelao", ao que cualificou como "unha figura crucial para a historia e a cultura de Galiza".

Ademais da súa estadía en Lugo para asistir á asemblea promovida polas Irmandades da Fala, cita histórica onde o galeguismo político deixa atrás o rexionalismo e avanza cara o nacionalismo, Castelao regresaría á capital lucense en 1936 con motivo da campaña electoral do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Durante a laboriosa colocación desta estatua, o tenente de alcalde lucense explicou que con esta creación artística réndese tamén unha homenaxe a "este senlleiro intelectual" cando se conmemora o centenario da revista Nós, bautizada así a proposta do propio Castelao, da que ademais foi o seu responsable artístico.

Nós foi unha publicación en galego, de múltiples contidos, que viu a luz en 1920 en Ourense e que latiu ata 1936, baixo a dirección de Vicente Risco.

O Concello prevé celebrar un acto de inauguración o 30 de xaneiro co gallo do 135º aniversario do nacemento de Castelao

INAUGURACIÓN. Rubén Arroxo anunciou que o próximo 30 de xaneiro, se a situación sanitaria o permite, está previsto que se celebre un acto para inaugurar esta estatua coincidindo co 135º aniversario do nacemento do escritor e debuxante.

O concelleiro nacionalista enlazou esta actuación con outras levadas a cabo nos últimos meses, segundo dixo, para "revitalizar esta cidade da man da cultura", como a restauración dos monolitos dos escritores que están espallados pola Praza Maior e a Rúa Bispo Aguirre ou o traslado do busto de Xoán Montes desde os xardíns de San Roque ata o quilómetro cero da capital lucense.

A instalación desta obra en recoñecemento a Castelao fora acordada pola xunta de goberno do Concello de Lugo hai apenas tres meses, a mediados de setembro pasado.

A estatua e os monolitos que completan a nova composición artística, creada por Cuqui Piñeiro, atraeron o mércores a moitos lucenses, que non desaproveitaron esa ocasión para fotografarse xunto á creación.

Unha creación artística composta por tres pezas
A creación artística da escultora Cuqui Piñeiro que loce desde onte na céntrica Rúa da Raíña da capital lucense consta de tres pezas. Unha central, que é a figura en bronce do intelectual galeguista, e un monolito a cada lado con célebres debuxos seus.

Debuxos
Nunha desas recreacións, que está inspirada nun debuxo dos anos vinte que forma parte da colección Cousas da vida, publicada no semanario vigués Galicia, aparecen dous paisanos conversando. Á pregunta que fai un, E logo?, o outro respóstalle: Xa ves, mexan por min e teño que dicir que chove. Desa mesma etapa creativa é tamén o outro, no que un galego di: Hai que acabar cos caciques de antes, ao que lle responde o seu conveciño: E cos de agora, se non lle parece mal. 

Autora
Licenciada en Xeografía e Historia, Cuqui Piñeiro (Goián-Pontevedra, 1960) herdou a paixón pola escultura de seu pai. Compaxina a súa faceta artística coa dirección dunha fundición de bronce e unha galería de arte.