Unha carreira moi reñida, pero legal

Os grandes gabinetes legais están dinamitando os prezos dos servizos xurídicos. O cliente ten onde elixir e os avogados tradicionais van á loita cunha arma: a confianza.
Os avogados Elba Cabo e Julio Mosquera, no seu despacho. XESÚS PONTE
photo_camera Os avogados Elba Cabo e Julio Mosquera, no seu despacho. XESÚS PONTE

O mundo das leis non pode escapar á máis universal, a da oferta e a demanda. A competencia está facendo estragos na avogacía, que dun tempo a esta parte debe facer fronte a grandes gabinetes e plataformas legais que operan a través de internet e ofrecen todo tipo de servizos xurídicos a prezos de saldo e condicións tan atractivas para o cliente que incluso resultan difíciles de crer.

Pero non só a competencia fai andar lixeiros aos avogados tradicionais. Tamén os clientes, que grazas ás novas tecnoloxías teñen acceso a todo tipo de información, esixen, comparan e xa non din amén con ollos pechados.

O despacho de toda a vida ten que reinventarse para sobrevivir. Os avogados perderon a situación privilexiada que ocupaban na sociedade e xa non poden esperar a que a xente chame á súa porta. Agora deben convencer o cliente de que o servizo de proximidade que ofrecen é máis fiable que calquera outro, que o barato non sempre é o máis rendible e que a confianza e dedicación que eles ofrecen non se pode atopar en internet.

Os gabinetes tradicionais teñen que dar a batalla e deféndense coa única arma que os diferenza dos virtuais: a cercanía, a atención a cada problema concreto cun trato personalizado e único e, sobre todo, o asesoramento máis vantaxoso para o cliente.

A UNIÓN FAI A FORZA. Elba Cabo e Julio Mosquera teñen claro que cooperando se chega máis lonxe. Comparten despacho e cada un está especializado nunhas áreas. Ela ocúpase dos temas de dereito civil e penal e el, dos ámbitos administrativo e urbanístico, sen desatender outros temas xenéricos propios do día a día xudicial, como divorcios, herdanzas, accidentes de tráfico ou comunidades de veciños. Ninguén que entre pola súa porta vai quedar sen unha resposta.

Din que se preocupan especialmente de ofrecer "o trato máis cercano e persoal posible ao cliente, analizando debidamente a conveniencia ou non de entablar calquera acción xudicial e exprimindo ata o límite a posibilidade de negociación e intermediación". Evitar un xuízo é moitas veces a mellor das opcións, pero isto só o pode aconsellar un avogado que realmente priorice o beneficio do cliente. 

Neste contexto cobra importancia a confianza que ofrece un profesional con nome e apelidos, a quen se lle pode poñer cara e que ten un lugar físico onde ser localizado. En fronte están as grandes plataformas dixitais que compiten en prezos, pero non sempre conseguen darlle ao cliente a tranquilidade que necesita cando un problema legal lle quita o sono.

A UNIVERSIDADE VIRTUAL. Julio Mosquera explica que unha dificultade común á que hoxe se enfrontan os avogados é que "debido ós foros existentes nas redes sociais todo o mundo pensa que sabe de dereito". A súa compañeira Elba Cabo coincide en que "veñen con ideas erróneas que atoparon en internet e hai que facerlles entender que non todos os casos son iguais e que un pequeño detalle pode cambiar o sentido da sentenza, polo que compre analizar minuciosamente o seu caso concreto".

Debido aos foros das redes todo o mundo pensa que sabe dereito

Mosquera engade que en internet tamén poden atoparse "prezos irreais" cos que resulta moi difícil competir. "É complicado facerlle entender á xente que para poder garantir unha resolución favorable o teu traballo precisa tempo e unha dedicación personalizada. Que o cliente non é para ti un número, senón unha persoa con nome e apelidos ou unha empresa que ten un conflito que resolver. Este tipo de trato é o que se ofrece nos despachos profesionais con sede física".

Comenta que os seus clientes chegan principalmente polo "boca a boca", polo que é fundamental "conseguir que cada persoa quede satisfeita co traballo realizado e coa atención recibida para que te recomende". Elba Cabo engade que para isto hai que priorizar os intereses do cliente "e aconsellalo sempre cara o procedemento máis favorable posible. Isto fai que teñas que adiantarte aos acontecementos e ás veces facerlle ver que a reclamación que quere entablar ou a defensa a presentar dificilmente vai obter un resultado positivo para os seus intereses".

HIPOTECAS ABUSIVAS. No despacho de Cabo e Mosquera están moi atentos á actualidade para poder dar resposta axeitada ás demandas legais de cada momento. Hai uns anos especializáronse na reclamación das cláusulas chan das hipotecas e dos gastos de xestión cobrados indebidamente polos bancos.

Elba Cabo explica que este tipo de demandas "leva tempo realizándose no despacho, pero cada vez quedan menos por formular porque as persoas prexudicadas xa foron reclamando os seus dereitos" e os bancos, tras declararse ilegal o seu proceder e en vista das reiteradas sentenzas en contra, deixaron de establecer estas cláusulas abusivas.

Hai que adiantarse aos acontecementos e aconsellar sermpre o máis favorable

COCHES CON TRAMPA. Porén, a avogada apunta que no ámbito dos dereitos do consumidor aínda queda moito por batallar e pon un exemplo que abre outro nicho de mercado no que xa están traballando. "Estanse a confeccionar demandas contra os fabricantes de vehículos no chamado asunto do cártel dos coches. Foi un acordo ilegal entre a gran maioría de fabricantes que operan en España para fixar os prezos de venda de coches entre febreiro de 2006 e agosto de 2013. Xerouse un sobrecusto que se estima entre o 10 e o 15 por cento do valor de compra. Todo aquel que comprou un vehículo entre eses anos pode estar afectado e ter dereito a reclamar as cantidades que aboou de máis".

Outro tema que no futuro dará traballo aos avogados son as "tarxetas revolving de crédito, polas que se cobraron intereses desmesurados», explica Elba Cabo, quen xa está preparada para afrontar eses litixios.

Julio Mosquera apunta que tamén están a ter un "importante repunte as consultas por denuncias da Administración contra construcións ilegais. É o caso dalgunhas vivendas construídas en solo rústico, ás que se lles abren expedientes de reposición da legalidade con elevadas sancións".

A actualidade manda e os avogados, ademáis de ter que estar atentos a calquera coma que cambie nos textos legais, tamén deben pisar a rúa, ler os xornais e prever respostas para os posibles problemas que no futuro poidan formular as persoas que chamen á súa porta.

Ana Varela, avogada. XESÚS PONTE
Ana Varela, avogada. XESÚS PONTE

O ETERNO CONFLITO LABORAL. Ana Varela está especializada en dereito laboral e di que "neste ámbito, por desgraza, hai moito traballo porque nunca faltan despedimentos e vulneracións dos dereitos laborais", pero tampouco escasea a competencia, que ás veces esixe máis esforzo de superación que os propios pleitos.

Ana Varela empezou a traballar na asesoría laboral fundada polo seu pai. Tivo ocasión de aprender con el durante un tempo e continuou co despacho cando o proxenitor se xubilou. "Eu non empecei de cero, xa tiña unha carteira de clientes. O difícil foi manter a súa fidelidade", explica.

O seu primeiro caso non se lle vai esquecer nunca. "Foi un amigo. Estaba contratado por unha empresa que desapareceu. Non cobraba e houbo que facer unha extinción de contrato. Todo foi ben. Non había parte contraria, así que tiña todas as posibilidades de ganar, pero o peor foi que veu a verme o meu pai. Quería levarme da man, fíxoo con boa intención, pero púxome máis nerviosa que o xuíz", comenta entre risas.

É unha carreira de fondo, non hai que fiarse dos inicios, senón manterse

Nos anos que leva de exercicio puido constatar un "cambio brutal a nivel de clientes. Antes había un perfil máis fiel que buscaba a confianza. Houbo empresarios que empezaron co meu pai e remataron a súa actividade laboral comigo cando se xubilaron. Hoxe iso é moi difícil. Agora buscan o máis barato e algúns cambian por unha rebaixa de 50 euros, sen pararse a pensar se estás facendo ben ou mal o teu traballo. A confianza pasou a un segundo plano".

En cuestión de prezos, as plataformas que ofrecen servizos xurídicos en internet acaparan as miradas, aínda que non sexa ouro todo o que reloce. Ana Varela di que "hai que pelexar contra un xigante e a única maneira de competir é con cercanía, sendo asequible e tendo horarios amplos. Hoxe co Whatsapp parecemos un médico de garda as 24 horas, pero hai que estar".

As novas tecnoloxías axudan tamén a promocionarse. "Temos que ter unha páxina web atractiva e mover as redes sociais. O cliente de máis de 50 anos chega polo boca a boca, pero a xente máis nova móvese moito por internet. Ninguén entra nun despacho porque vexa unha placa na porta, sempre chega porque soubo de nós antes".

Considera fundamental a cooperación entre especialistas porque é moi difícil chegar a todos os ámbitos do coñecemento legal. Recoñece que a avogacía atravesa unha "etapa complicada", pero insiste en que "esta profesión é unha carreira de fondo. Non hai que fiarse das dificultades do inicio, o importante é manterse e hai moitas saídas".

A de avogado é unha profesión ancorada na tradición, pero obrigada a unha constante actualización. Ninguén escapa da globalización, nin sequera as leis, e a competitividade que caracteriza a sociedade actual obriga aos profesionais a facer alardes de imaxinación, esforzo e tenacidade.

Comentarios