Rrepite tras catro anos nos que houbo de todo, pandemia, inflación, confrontación co Concello... Como están a profesión e o sector da construción?
Xa non é unha profesión de privilexio, hai moitísimos máis arquitectos, moita máis normativa que complica o traballo, e os honorarios liberáronse ata o punto de que manter un estudo pequeno é difícil. Houbo unha baixada por parte das administracións na crise de 2008 e prolongouse. Non é o mesmo un servizo intelectual que de provisión de material. Teñen que facer un esforzo. Na Xunta hai moita diferenza entre unhas consellerías e outras, por exemplo.
Na cidade de Lugo hai unha problemática específica de demora na concesión de licenzas de obra. Cre que as medidas que se veñen aplicando para corrixir a situación están dando resultados?
Lugo ten unha condición específica a nivel da provincia, pero ten problemas similares con outras capitais, Santiago tamén ten retraso, A Coruña ten as súas dificultades, hai dificultades tamén de interpretación da normativa, no acceso a consultas... Aínda que nisto Lugo ten moitísima marxe de mellora. Cando eu cheguei estes problemas xa estaban sobre a mesa, agás o das consultas presenciais, que apareceu coa pandemia, e segue habendo moita reticencia. Pero quero pensar que os últimos cambios en Arquitectura son un sinal de intención de mellora. Teño boas referencias das capacidades de Paula Alvarellos [concelleira de Urbanismo].
Tense falado dun convenio entre o Colexio e o Concello para desatascar as licenzas, pero ata agora non foi adiante e segue habendo necesidade. En que punto está?
Ás veces simplemente as cousas non saen porque non se dá feito todo o que hai que facer, pero temos un equipo de goberno novo no Colexio e quero retomalo.
Seguramente influíu que nos últimos anos, o Colexio e o goberno téñense dito palabras grosas.
As palabras grosas sempre parecen máis do que son. Hai discrepancias, e ás veces intentas transmitir as cousas de xeito máis pedagóxico e outras un pouco máis desde a molestia, pero creo que hai posibilidade de entendemento.
Por que agora cre que vai ser posible e antes non?
É fundamental que haxa unha figura presente e activa na concellería. E confío en Paula Alvarellos. Os perfís da xente que interactúa son importantes, nas xefaturas de servizo e tamén nos nosos servizos. Temos unha nova arquitecta de visado e creo que pode haber unha boa relación.
Non sempre, pero nalgúns asuntos (licenzas, peonalizacións, Impulso Verde...) as súas posicións están aliñadas coas do PP. Supúxolle iso un problema co goberno ou cos colexiados?
Nunca tiven esa sensación. Non teño ningún problema en manifestar o desacordo cando o hai, pero procuro ter unha crítica construtiva porque nunca sabemos quen vai gobernar Lugo e o Colexio vai estar tamén noutras mans. Simplemente hai cousas que son evidentes. Que as licenzas non funcionen afecta a colexiados dunha sensibilidade política e doutra. Pero estas e outras cousas téñoas falado tamén coa alcaldesa.
E ao revés? Sente que a oposición intentou facer política co Colexio?
Penso que se poderían ter feito as cousas un pouco mellor, sobre todo en comunicación, pero non quero entrar á polémica, non é tan importante. Falei sempre con todos os partidos moi abertamente e pensando no interese xeral.
A miúdo fálase da necesidade de revisar o planeamento e a normativa da cidade de Lugo, o PXOM, o Pepri... Neste eido que é o que ve prioritario?
Creo que o máis urxente é ter uns criterios interpretativos únicos no Pepri e no PXOM, hai artigos que son absolutamente interpretables. Tramitar modificacións leva moito tempo.
Sobre o Pepri, hai quen opina que facer cambios que demandan moitos veciños e tamén profesionais, como que se permita unir casas, desnaturalizaría o casco vello.
Para min desnaturalizar o centro é a perda da poboación que o habita. Unha cidade que é unha fotografía non ten ningún sentido, o que ten sentido é ter unha cidade con actividade económica.
Dende a perspectiva profesional, pero tamén social, que é o que lle preocupa máis da cidade de Lugo? En que cre prioritario poñer a atención? Na disponbilidade de vivenda, na rehabilitación, nas intervencións no espazo público...?
En canto a vivena, hai que pensar nas rentas per capitas, e dispoñibilidade de vivenda pública, xa sabemos que non hai. E logo, temos un gran parque inmobiliario construído hai 40 anos que se pode revisar, en vez de construír máis, na liña de rehabilitar e facer mellor o que xa hai que se está promocionando dende Europa e dende as administracións. En Lugo cada vez hai máis poboación envellecida que ten que ter vivenda accesible. Hai tamén moita poboación inmigrante... Para saber como plantear o espazo público tes que coñecer cidade. As comparacións con cidades das que non coñecemos o seu estrato sociolóxico para min non valen. Por outra banda, se a actividade económica non se pode desenvolver dun xeito dinámico inflúe moito na mentalidade da xente. Co visado vemos que existe unha tendencia a que aumenten os visados residenciais e de actividades terciarias nos concellos limítrofes. E non é un tema de tendencia a irse a zonas rurais, porque o Concello de Lugo ten unha amplísima zona rural. Hai un problema que vai ser difícil reverter, porque todo o mundo pensa que as cousas en Lugo son difíciles de tramitar.
Só hai unha maneira de revertelo, axilizando os permisos.
Desde logo. Está a posibilidade de investimentos dos fondos que poidan vir de Europa, sobre o que poderiamos falar moito, porque hai unha Lei de Calidade da Arquitectura e as administracións deberían pensar a cidade dun xeito máis global e non tan efectista. Por iso é importante non establecer os prezos como condicionantes nas licitacións e crear grupos de pensamento con distintas disciplinas, non só falo de arquitectura. Pero todo iso é unha economía determinada, que engloba a tres ou catro empresas. Eu teño estatísticas de visado de moitos expedientes moi diversos cun presuposto de execución baixo (entre 100.000 e 200.000 euros) de xente que quere investir en Lugo, facer a súa vivenda, rehabilitala, abrir un negocio... Cando estamos a falar de 400 expedientes é moito diñeiro. Esa é a economía que me interesa, como cidadá e como presidenta do colexio. Supón dinamismo nunha cidade que perde poboación.
Que opina da normativa que permitirá converter baixos comerciais en vivendas no caso de Lugo?
Creo que será bastante difícil de aplicar, haberá que estudar a compatibilidade co Pepri, por exemplo. Penso que Lugo non o precisa porque hai cantidade de edificios por rehabilitar. Se se fai non creo que sexa por necesidade de vivienda. E hai que ser conscientes do que supón para os cascos históricos. Se só tes vivenda nos baixos hai unha actividade que ao longo do día non vas ter na rúa.
Nos últimos anos vólvese mirar cara ao Carme, unha zona por desenvolver, e fálase de reducir ou eliminar edificabilidade. Que cre o Colexio que se debe facer aí?
É un lugar de oportunidade, de alonxar a sensación de especulación inmobiliaria. É a baixada natural ao río, e creo que máis que accións pequenas como as que se están a desenvolver é importante pensar algo a longo prazo e moito máis ambicioso. O meu temor é que vaia ser un dos coitelos que se lancen o goberno e a oposición.
O Colexio acaba de ofrecerse para axudar a deseñar a futura zona verde do Garañón.
Cando vemos algún tipo de intevención moi potente na cidade, como vai ser a do Garañón, insistimos na conveniencia de que sexa un proceso de moita participación pública, moi pensado, en vez de veña, modifícame o PXOM.