Lugonovo, BNG, Ciudadanos e Ace-EU piden unha visita guiada para coñecer o centro

"Corresponde á Xunta xestionar e custear o equipamento do auditorio"

A concelleira de cultura di que quizais o anterior goberno se explicou mal e que nunca entrou dentro dos seus plans ocuparse do equipamento do novo auditorio. Lembra que o Concello contribuíu xa con 1,2 millóns e que a maior responsabilidade agora segue sendo da Xunta
Carmen Basadre, en el balcón del Concello
photo_camera Carmen Basadre, en el balcón del Concello

Como está o asunto do auditorio?

Pois non llo podo dicir porque o auditorio non é noso, máis que nada saben eles [a consellería] . Invitáronnos a ver a obra e nada máis.

Teñen algunha idea de cando lles entregarán o edificio?

Dixeron que no menor tempo posible se porían en contacto con nós para levar a cabo algún convenio ou o que fora para rematar. Non é que só lle falte equipamento, necesítase facer obra para poñelo.

E quen se vai ocupar de xestionar e de financiar ese traballo?

A conselleira e o presidente quedaron en que nos chamábamos pronto para falar diso.

O Concello aceptou durante anos que se ía ocupar do equipamento, incluso dicía que tiña cartos. Que cambiou?

Non creo que iso fora exactamente así. Ao mellor se confundiron as cousas. Sempre houbo cartos para contribuír, pero non para equipar. Ás veces ao mellor dicimos as palabras nun sentido que non é exactamente o que queremos dicir. O Concello puxo 1.250.000 euros. Ese diñeiro era para contribuír a ese tipo de cousas, suponse, aínda que logo no convenio sumouse todo na mesma partida. Non sería suficiente, pero era a parte que lle correspondía poñer ao Concello. O convenio só di que o Concello se ocupará do mantemento e da xestión, e para iso téñennos que dar o edificio rematado.

"Temos unha valoración dunha empresa que di que o equipamento pode andar por preto de 5 millóns"

Entón, o Concello aspira a que a Xunta asuma todo o que falta? En que medida pode colaborar?

Iso é o que temos que ver. A alcaldesa foi a Santiago e xa llo manifestou ao presidente, ao igual que nós aquí na comisión de seguimento. Está recollido en acta a petición de que, cando o presidente viñera ver o auditorio, trouxera unha proposta para outro convenio e seguir colaborando para rematalo. Como se fixo en Ferrol e nos demais sitios de Galicia, non pedimos nada distinto. Non foi así, pero é verdade que no discurso manifestou esa colaboración.

O Concello ten algunha estimación de canto pode custar o que falta?

Temos unha valoración dunha empresa, que tamén se lle pasou á Xunta, segundo a cal serían case cinco millóns de euros.

Que posibilidades ten o Concello?

Non ten eses cartos, nin os tivo antes nin os ten agora. Non hai ningunha posibilidade. Se temos que poñer un 5%, por exemplo, como fixemos co convenio anterior, sería unha cousa razoable.

Buscarase a colaboración de máis institucións?

Iso saberao a consellería, o auditorio é dela.

Pero a Xunta aceptou responsabilizarse de todo?

Se nos vai chamar para falar sobre en canto se pode colaborar, entendo que si. Pedímoslle as mesmas condicións que o resto de cidades e ata agora non nos dixo que non.

Hai algunha posibilidade de que poida equiparse este ano?

Eu teño a esperanza de que si, porque estamos nun ano que interesa facer iso pronto, digo eu.

Que plan ten o Concello para el?

Vai ser un edificio ben importante. Tamén é verdade que nos xuntamos cunha chea de espazos culturais que antes non tiñamos. Estaba previsto que fora para alí a escola de música, entre outras cousas. Hai que enchelo do contido cultural que ten a cidade e darlle espazo a moitos grupos. Ben é verdade que non nos podemos desprender do Gustavo Freire porque é unha dotación moi importante para unha zona moi pobada. Temos que ir pensando como se pode traballar en cada un deles.

Co novo auditorio, Lugo vai ter infraestrutura para poder traer grandes espectáculos que agora non chegan. O Concello vai poder custealos?

Pois non sei se vai haber esa infraestrutura, porque unha ópera ou unha orquestra sinfónica non van poder ir ao novo auditorio.

Por que non?

Porque non ten foso, que no Gustavo Freire si hai, non moi grande, pero teno.

"Que o Gustavo Freire podía ser outra cousa? Seguramente si, pero é o que temos"

A información que hai é que si o hai.

Non, nin leva sitio para facelo. De todos xeitos, eu creo que Lugo xa está nos grandes circuítos. O teatro clásico é o mesmo que vai a Mérida e a outras cidades, por exemplo. O presuposto tampouco dá para moito máis.

Canto gasta en programación?

En actividade cultural, uns 600.000 euros, pero de aí sácase diñeiro para mantemento de edificios, reparacións, material...

Boa parte das actividades culturais, e algunhas moi importantes, son promovidas e organizadas dende fóra. Por que?

Seguramente necesitamos máis persoal, segue habendo o mesmo que hai 15 anos. Pero agás a maxia, a música clásica e o jazz, o demais prográmase todo dende cultura e xuventude. As actividades de Nadal, verán, as festas... Pero quen coñece mellor aos magos que eles? En música clásica está José Luis Díaz, que é un experto. Nas catas literarias hai unha persoa que se encarga de contactar cos escritores, pero os autores elixímolos nós.

O vello cárcere abrirá este ano? Que plan hai para el?

Esperamos poder abrilo entre finais de ano ou o ano que vén. Estamos pensando como dotalo. Nas celdas poderanse facer exposicións, hai un sitio moi bo para pequenos concertos, os arqueólogos terán un espazo e eu creo que hai que pensar algo para os oficios.

E para o MIHL? Cre que nos rendiu o investimento?

Este ano darémoslle prioridade ao centro de interpretación da muralla e repensaremos a caixa negra do MIHL. Estamos pensando nalgunha cousa que sexa única nos arredores e sexa un estímulo para que a xente veña exclusivamente a Lugo a vela. É difícil meterlle contido ao edificio pola forma. Que podía ser outra cousa? Seguramente si, pero é o que temos, e é un edificio precioso nunha zona que antes estaba totalmente degradada. É unha pena que a cidadanía non o coñeza.

Hai quen pensa que o Concello tira máis do Arde Lucus que do San Froilán.

Pois non creo que sexa verdade, porque dedicamos máis cartos ao San Froilán, o que pasa é que o Arde Lucus require máis esforzo e hai que mantelo porque é unha oportunidade para promocionar a cidade.

Comentarios