Carballo paga o café

O candidato á alcaldía repartirá tarxetas para que os cidadáns lle deixen o teléfono. Rexeita aclarar se estará na oposición se non goberna

Carballo en campo Castelo cun veciño. EP
photo_camera Carballo en campo Castelo cun veciño. EP

Que Ramón Carballo non devecía por ser candidato á alcaldía de Lugo sábeo todo o mundo —ata Feijóo o deu a entender o día que o presentou como tal—, pero que el e o partido o van dar todo para tentar desaloxar o PSOE da alcaldía despois de case vinte anos parece cada día máis evidente. A decisión do grupo municipal, xusto agora, de denunciar á alcaldesa por prevaricación por non renovar contratos de servizos —co risco de convertela en vítima— xa deixou ver que o PP non vai escatimar medios. Este xoves, o candidato convidou a café a media mañá para presentar o calendario "maratoniano" que terá de aquí a xaneiro coa fin de reunirse co máximo número de cidadáns e de colectivos posible. Carballo exerce como xefe territorial da Consellería de Presidencia en Lugo, pero, como calquera funcionario, ten dereito a saír ao café, polo que o acto de campaña non supuxo ningún conflito, segundo aclarou a través do seu equipo.

O candidato presentou o merchandising que o acompañará durante a campaña, como unha taza co perímetro da muralla que lle servirá para atoparse cos lucenses "cun café por medio, para escoitalos e que nos escoiten co obxectivo de construír un Lugo á altura da súa grandeza", explicou. Nas visitas que o alcaldable ten previsto facer ás 600 rúas da cidade e ás 54 parroquias, o seu equipo repartirá tarxetas coa súa foto e un espazo para anotar o "nome de pila" e o teléfono ou correo electrónico para que o alcaldable poida contactar persoalmente con eles.

Carballo reiterou que pretende elaborar un programa "realista, sen promesas improvisadas nin imposibles, senón moi acaído ás necesidades da cidade", dixo.

Carballo explicou que algúns "eixos" nos que considera necesario intervir son a mobilidade (restauración dun sistema de aparcamento rotatorio e mellora do transporte público), o urbanismo (o remate do 5% do PXOM pendente e a axilización na concesión de licenzas) e a organización interna do Concello, coa revisión e reestruturación do persoal. "Estase perdendo diñeiro público e privado polo pasotismo e a falta de xestión do goberno municipal", insistiu.

O candidato opina que ao PP "non lle quedou máis remedio" que denunciar á alcaldesa polos contratos caducados e non teme sufrir as consecuencias desa decisión se o xulgado entra no asunto e el chega a ser alcalde. Este xoves, algún cidadán xa o saudaba como tal. E el non baralla outra opción, asegura, por iso rexeita aclarar se permanecerá na oposición se non goberna.

Comentarios