A Carballeira de Fingoi aburguésase

A punto de cumprir trinta anos, a festa universitaria minguou na mesma medida que o censo universitario e tamén mudou hábitos. Agora lévanse a bebida en bidóns e a música no móbil

A festa da Carballeira cumpre o ano que vén trinta e o paso do tempo nótaselle. Hai xa moito que os universitarios lugueses, e os convidados doutros campus, cambiaron as tortillas, as empanadas e o viño e a cervexa por alcol de alta gradación e, ao sumo, unhas bolsas de patacas fritas. Pero ademais, agora o que se leva é a música á carta, cun teléfono móbil e un altofalante. A media tarde, varios grupos gozaban dese xeito na carballeira. Algún facíao incluso no perímetro, sobre as beirarrúas e os aparcadoiros que rodean a o espazo arborado, sen manchar o calzado na terra mollada. "Eu non vou para riba. Para que? Para mancarse?", razonaba un mozo cos amigos.

A choiva que caeu durante boa parte do día fixo que, a media tarde, a carballeira de Fingoi lucise aínda moitos máis ocos ca cheos. Proba do contida que era a festa era que a folla seca amontoada polo persoal de xardíns seguía do mesmo xeito, amoreada, case pedindo que alguén lle dera unha patada e a lanzara polo aire.

Con todo, o efecto do alcol xa se deixaba ver nalgúns asistentes e algunha persoa evitaba pasar polo fondo da carballeira con nenos. "Pero ti nunca fuches nova ou que?", preguntáballe unha amiga que, ela si, tódolos anos sofre algúns desmáns dos mozos. "Sempre retiramos os extintores, porque se non baléiranos", conta. O edificio está preto da carballeira e nel viven moitos estudantes, así que está acostumada á festa. En días coma o deste mércores, a entrada ao garaxe adoita ser o retrete da carballeira, pero ata niso se amosa comprensiva.

Outros veciños non o son tanto. Este mércores, os propietarios doutro edificio próximo á zona de festa viron como un cacho de muro a finca se viña abaixo tralo impacto do coche dun trouleiro. Non parece difícil perder o control cando as botellas de mezcla de dous litros deron paso a bidóns que hai que remexer cun utensilio de medio metro.

Contra a noitiña agardábase máis asistencia, pero a Carballeira foi menguando na mesma medida que o censo universitario e quedan lonxe aqueles tempos nos que moitos establecementos da zona pechaban por temor a danos de mozos con exceso de alcol e porque quedaban baleiros.

Coma sempre, o Concello dispuxo colectores polo medio da carballeira e, hoxe de mañanciña, o persoal da empresa de limpeza terá que afanarse para deixar libre de lixo un espazo que ten riscos maiores que os universitarios de festa. Entre os carballos hai pinos infestados de procesionaria e a praga xa causou danos en cans.

Comentarios