Olga Louzao 

"Cando che dan polos dous lados é porque quen está a facelo ben é Ciudadanos"

O terremoto que vive Cs tras pactar co PSOE unha moción de censura en Murcia fracasada polas desercións afecta ao partido en Galicia, malia que o toman «con tranquilidade», segundo a súa voceira en Galicia, que di que por agora non houbo nin renuncias de cargos nin baixas de afiliados

20201119110721__MG_8604
photo_camera Olga Louzao. ARCHIVO

Como está a seguir desde a agrupación de Lugo o terremoto que vive Cs a nivel nacional?

Bueno pois ao final isto en Lugo tamén afecta, por suposto, e tendo en conta que nós somos de Ciudadanos e levamos sendo un equipo desde o ano 2014 que segue traballando polo Concello. Pero vémolo con tranquilidade, porque desde o partido se está a facer o correcto e compartindo esa sensación de impotencia ao ver algunhas actitudes políticas. Pero nós seguimos a traballar igual, coas mismas gañas e forza e como un grupo compacto e unido sen ningún tipo de problema.

Non houbo de momento renuncias de cargos do partido?

Non, nin en Lugo nin en Galicia. E baixas na afiliación? Que a min me conste de momento non houbo ningunha baixa de afiliados.

Avalan logo a actual estratexia de Inés Arrimadas e a súa executiva?

Nós formamos parte dun partido que apareceu na política para romper as dinámicas que non compartiamos e por iso nos afiliamos e senón xa estariamos noutro partido. Neste caso o detonante de todo foi a moción de censura en Murcia porque estabamos nun goberno de coalición no que había prácticas que non compartes, como a vacinación de cargos públicos e as contratacións irregulares, e todo oque veu despois deixa claro quen o está a facer mal, que non é Cs por suposto. As consecuencias políticas que isto desencadeou creo que deixa en evidencia a outros partidos políticos nacionais, concretamente a un.

A xente que se está a marchar estes días de Cs fala dunha deriva sanchista por parte da dirección.

Eu creo que Cs debe condicionar a política actual porque ás personas que nos gusta e seguimos a política desde hai moitos anos viamos como dous partidos se repartían desde sempre a política, pero por iso apareceu Cs ahí, para poder condicionar futuros gobernos e poder facer políticas correctas e que estean ao servizo dos cidadáns. Por tanto, agora, que se nos xulgue de sanchistas por un lado e que por outro se nos acuse de fascistas, pois creo que logo estamos facendo o correcto. Cando che dan polos dous lados teño claro que quen o está a facer ben é Cs e non o resto.

Mereceu a pena presentar a moción en Murcia?

Se Cs está vendo que nun goberno hai prácticas corruptas sempre o vai denunciar, porque para iso naceu. O que ocorreu despois, como que se convocaran en Madrid unhas elección en situación de pandemia, paréceme algo absurdo e igual que o que ocorreu despois, como a compra dos membros de Ciudadanos en Murcia, e a quen deixa en evidencia é ao PP.

Considera logo que estos abandonos mais que por causas ideolóxicas son por un tema económico?

Bueno cada un ten a liberdade de marchar dun partido cando non está a gusto, pero non encaixa que se estea a facer agora dun xeito continuado, como un goteo, e facendo este tipo de declaracións. Cando un quere deixar un partido hai moitas formas de facelo e creo que a elegancia, sobre todo cando es un cargo público, debe imperar.

Está de acordo con que haxa un xiro ao centro do partido e que se rompa co perfil de dereitas que o caracterizou na última etapa de liderado de Albert Rivera?

É que o partido xa naceu para ser de centro aínda que sempre sendo equidistantes, pero si que nalgún momento terás que chegar a acordos tanto co PSOE como co PP, porque son os que teñen máis votos, pero baseándose sempre no por que te presentas a unhas eleccións, que é o programa e as propostas políticas. Nestes últimos días PP e PSOE póñense de acordo para repartir cargos no poder xudicial ou en RTVE e Cs ten que defender o contrario e polo tanto é imprescindible que exista un partido como este, que condicione para que se poidan tomar as mellores decisións políticas e que os outros non o están a facer.

Malia a todo isto, as enquisas falan dunha caída de apoios a Ciudadanos. Hai risco de que o partido acabe como UPyD?

Ante esta tormenta mediática o que nos motiva á maioría é que fagamos aínda máis fincapé no noso traballo e na nosa postura. Creo que hai moito interese en que Cs desapareza, pero somos nós os que cremos que é máis necesario ca nunca, sobre todo vendo o clima de polarización e confrontación que existe na realidade política. Se non houbese un partido como Cs eu tería moi difícil decidir a quen votar. Por iso é máis necesario ca nunca que Cs colla máis forza, que supere esta crise, que é evidente, e cos quedamos estou moi contenta, son persoas honestas, comprometidas e así é moi fácil traballar. Creo que noutros partidos isto é máis díficil. Eu afilieime en 2015 e sigo en 2021 pensando o mesmo que naquel momento.