Lara Méndez, unha candidata baixo presión

Competirá por segunda vez para optar ao seu terceiro mandato con máis solvencia e moitas olladas postas nela, porque o resultado da cidade será clave para que o PSOE manteña o goberno da Deputación

A noite do 26 de maio de 2019 foi difícil na sede lucense do PSOE. Non foi ata ben avanzado o escrutinio, cando saían as contas para manter os gobernos da cidade e da Deputación, cando a alcaldesa, Lara Méndez; o entón secretario provincial, Álvaro Santos, e o resto de dirixentes daban a cara, cunha alegría contida. Como se aínda non foran capaces de repoñerse do apuro e sen poder obviar que o partido perdera un deputado.

Que Méndez mantivese as oito actas do PSOE despois de catro anos de inferno no Concello e cunha fragmentación de papeletas nunca vista (doce) foi case un milagre, con nome de Pedro Sánchez. A boa onda que o PSOE vivía contribuíu sen dúbida ao obxectivo de Lugo e a que o PSOE acadara en Galicia as maiores cotas de poder municipal da súa historia. 

Lara Méndez escalando durante la inauguración del rocódromo. VICTORIA RODRÍGUEZ (2)A 2023 coas tornas cambiadas: peor en España e mellor en Lugo

Coa prudencia que hai que ter a ano e medio das eleccións, o contexto no que Méndez pelexará polo seu terceiro mandato —non hai ningunha dúbida de que a candidata será ela— será moi diferente. Logros do Goberno de Sánchez, como os acordos laborais cos sindicatos e a patronal, o escudo social despregado durante a pandemia e ser o primeiro país da UE en recibir os fondos de recuperación, non esconden eivas, como, é paradoxal, a deficitaria xestión sanitaria ou a táctica continua á que obriga un goberno en minoría. As siglas do PSOE moven menos hoxe. Pola contra, Méndez chegará con máis solvencia.

Será así porque a rexedora goza neste mandato dunha estabilidade política e funcionarial que non tivo no primeiro, o que lle permite aprobar orzamentos e avanzar. Grazas a iso, de aquí a 2023 poderá ensinar proxectos nos que está traballando, aínda que pode ser que algúns lle resten máis que lle sumen, como o carril bici. Así mesmo, á hora da verdade, case todo adoita ir á súa conta como alcaldesa, polo que pode que saque rédito a accións do socio de goberno que están cambiando a imaxe da cidade —algunhas proxectadas por gobernos socialistas— e solucionando problemas, como a rotonda de San Eufrasio ou a accesibilidade ao centro de saúde de San Roque.

Unha candidata cun perfil político moito máis marcado

Méndez tamén gañou perfil político. Por oficio e porque no seu equipo introduciu unha profesional, María Martínez Val, que foi clave para que a rexedora se fortalecese. Hai quen lle achaca a Val falta de coñecemento da cidade e da súa idiosincrasia, e en ocacións a súa vehemencia xera conflitos cos interlocutores, pero poucos dubidan do seu papel na proxección de Méndez, ao que tamén contribúe o seu nomeamento como vicesecretaria xeral do PSdeG. Outro debate é se as accións nas que a alcaldía pon o foco continuamente, como as políticas verdes, sexan as que máis valoran os cidadáns. No propio círculo do goberno hai quen o dubida, aínda que pode que tamén haxa quen aprecie esa firme aposta polo futuro.

Moita presión para manter a cidade e a Deputación

Non se xoga todo en Lugo, pero a cidade será clave para manter a Deputación. Con esa premisa, a presión sobre Méndez é alta. Por outra banda, a rexedora non pode deixar de mirar o retrovisor porque o candidato nacionalista, Rubén Arroxo, segue pisando forte. A favor da socialista xoga que é probable que desta vez na esquerda non haxa tantas papeletas en liza e que poida que pesque votos de Cs, porque será difícil que o partido laranxa manteña as dúas actas, se é que se presenta. A falta dun candidato claro no PP tamén xoga ao seu favor. É tempo que gaña.

En Galicia e en Lugo, o partido estase unindo e asentando

Outra vantaxe coa que contará a candidata é que en Galicia e na provincia o PSOE está poñendo as bases para iniciar unha nova etapa coa que pretende, cando menos, recuperar o lugar que lle roubou o BNG. Elixido o novo líder, Valentín González Formoso, para cuxa victoria Méndez traballou arreo, agora estanse renovando as estruturas provinciais. Lugo farao o domingo, cunha lista única que encabezará o presidente da Deputación, José Tomé, despois de chegar a un acordo co alcalde de Castroverde, Xosé María Arias.

Méndez e Tomé teñen formas e perfís políticos e xeracionais moi distintos, pero polo ben seu e o do partido están condenados a entenderse. Ademais, a posición que cada un deles ocupa neste momento débenlla en parte á mesma persoa: José Ramón Gómez Besteiro, quen leva anos fóra da primeira liña pero move aínda moitos fíos e non se descarta que poida recuperar a carreira onde a deixou.


Méndez, hoxe con carreira propia, deu o salto á política provincial hai varios lustros da man de Besteiro. Tomé preside a institución de San Marcos, ademais de por méritos propios, polos equilibrados apoios que tivo do chamado besteirismo e do entón líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Un dos retos de Méndez será facer unha lista para a alcaldía que ilusione e que estea formada por perfís con capacidade

É probable, e natural, que, de xeito directo ou indirecto, Méndez tente ter peso na nova estrutura provincial. Podería tentar situar a algunha persoa da súa confianza, como a secretaria local, a concelleira e deputada provincial Ana González, ou a enxeñeira de Costas na provincia María Reigosa, que tamén acaba de entrar na executiva do PSdeG e podería estar chamada a xogar un papel destacado. Porén, a alcaldesa tamén podería deixar facer a Tomé na provincia para centrarse ela na escena autonómica.

O reto de facer unha lista que ilusione e que funcione

Un dos retos de Méndez é facer unha lista á alcaldía que ilusione e que estea formada por persoas con solvencia. Esa foi a idea coa que procedeu en 2019, pero non adoita sinxelo convencer os perfís que mellor poden responder a ese obxectivo. Aparcar unha carreira profesional, sobre todo se é no sector privado, para entrar en política ten custo. E tampouco é fácil que ese tipo de profesionais perduren unha vez comproban o difícil que é moverse nas augas da política e traballar na administración e con traballadores públicos. Non ía nin medio mandato cando o edil de urbanismo, Miguel Couto, deixou o barco. E non sorprendería que algún outro o faga cando remate o mandato, como podería ser a sanitaria Olga López Racamonde. 

Hai quen aparentemente aínda non se desencantou da política, a pesar do enorme traballo e responsabilidade que leva a costas, como é a avogada Paula Alvarellos, concelleira de gobernanza e dende hai meses, e de xeito provisional, tamén de urbanismo. Non sería descartable que a medio prazo dera o salto a outro ámbito, á vista do seu potencial e de que no Concello, cunha alcaldesa moi asentada, ten poucas opcións de seguir facendo carreira a curto prazo, se iso é o que quixese. 

Agroma o besteirismo, pero o PSdeG cubre todos os flancos

Alvarellos podería ter opcións de medrar tamén polas súas relacións no partido. Compartiu porta de despacho con Besteiro, que para moitos segue a ser o tapado para a Xunta, unha vez quede libre dos flecos xudiciais que ten pendentes. Próximos a el son tamén moitas das persoas do novo PSdeG, empezando polo propio Formoso, amigo íntimo; o secretario de organización, José Manuel Lage Tuñas, e o voceiro parlamentario, o lucense Luis Álvarez. Porén, o novo PSdeG quixo cubrir todos os flancos, e así como coidou o poderoso Vigo, non descoidou a vella garda lucense e fixo a Ricardo Varela responsable da comisión de ética. É moito o que o PSOE se xoga, en Lugo e en Galicia, e o partido non quere deixar nada ao azar.