Elena Candia propón impulsar servizos para que "Lugo teña instalacións á altura dos éxitos dos seus equipos e deportistas"

A popular promoverá un acordo cos propietarios da OJE para recuperar un espazo deportivo e cultural no centro
Elena Candia, no barrio da Residencia, onde pronto abrirán novas dotacións da Xunta. CEDIDA
photo_camera Elena Candia, no barrio da Residencia, onde pronto abrirán novas dotacións da Xunta. CEDIDA

A candidata do PP, Elena Candia, defende que o Concello realice novas construcións deportivas e mellore o mantemento das actuais para "deixar a un lado o abandono e a despreocupación destes 24 anos de gobernos socialistas". Neste senso, a popular reivindica que "a administración máis próxima debe dotarse de infraestruturas de primeira que dean respostas ás necesidades dos equipos e deportistas individuais, que están a colleitar éxitos admirables".

Lugo non pode ser a cidade peor conectada de Galicia: esiximos o remate das autovías e a chegada da alta velocidade

Para iso, ademais da creación dun novo polideportivo municipal e de programas específicos para o fomento da vida activa na mocidade, Elena Candia promoverá, se é elixida alcaldesa, un acordo cos propietarios da OJE (Organización Juvenil Española) para recuperar para a xuventude un espazo deportivo e cultural do centro de Lugo.

Diálogo público e privado para mellores dotacións
Elena Candia asegura que o Concello debe mudar "a súa estratexia de confrontación actual con outras administracións" por unha actitude de diálogo que permita desencallar infraestruturas bloqueadas ou longamente demandadas pola veciñanza:

► O apoio á construción dunha nova Comisaría da Policía Nacional na contorna da Residencia e dun novo centro de saúde no Sagrado Corazón coa cesión dos terreos precisos para esta obra.

► A rexeneración de barrios emblemáticos coma A Milagrosa ou O Carme, este último coa declaración de Contorna Residencial de Rehabilitación.

► O reforzo dos servizos de conciliación con máis dotacións nos polígonos industriais e barrios como o do Castiñeiro que se sumarán á creación de bibliotecas municipais cun horario máis amplo có actual.

► Novas dotacións cun centro de respiro en Calde para persoas con Alzhéimer. Tamén é preciso impulsar nunha localización acaída unidades de atención temperá e posttemperá.

► A construción dunha residencia universitaria municipal.

► No eido da mobilidade, a creación dun intercambiador na actual estación de autobuses, onde haberá un servizo de apoio ao emprendemento, así como o impulso de aparcamentos disuasorios ou con solucións innovadoras, coma o estacionamento en altura para Fontiñas.

► A unión do paseo do Miño e o do Rato para completar o cinto verde da cidade ao tempo que se crean novos parques infantís na cidade.

► No campo das estradas, colaboración municipal para a finalización do Plan Paradai e a mellora nos accesos a Lugo polo barrio da Fervedoira.