O campus debe apostar por graos que teñan demanda e pola sostibilidade

A vicerreitora Monserrat Valcárcel pechou o foro de El Progreso e da concellaría de educación
photo_camera A última charla do foro A educación, a análise, organizado por El Progreso coa colaboración da concellería de Educación e Difusión do Coñecemento de Lugo​, contará co protagonismo da Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel, que falará sobre a investigación no campus de Lugo e a oferta educativa. 

O campus lucense debe apostar pola "sostibilidade, non só medioambiental, senón tamén económica e social". Así o puxo de manifesto a súa vicerreitora de coordinación, Monserrat Valcárcel, que pechou o foro 'A educación, a análise', organizado polo xornal El Progreso e pola concellaría de educación e difusión do coñecemento do Concello de Lugo, que dirixe o nacionalista Felipe Rivas.

2021050112411829275Esa aposta de futuro, segundo indicou Monserrat Valcárcel (en la imagen), tamén debe ser por "un campus verde, onde conceptos como agroecoloxía, benestar animal e alimentación saudable sexan un referente".

A vicerreitora de coordinación, que foi a última convidada deste ciclo que ao longo de catro semanas abordou diferentes etapas do ensino, desde preescolar ata a universidade, considera que "o sinal de identidade" do campus de Lugo é que está especializado no sector agroalimentario e forestal e o seu apego ao territorio.

Esta doutora en Enxeñaría Agrónoma afirmou que outra das fortalezas é que ten "unha gran transferencia cara ao sector produtivo porque estamos moi relacionados con moitísimas empresas vencelladas ao sector primario, que son de pequeno e mediano tamaño, moitas delas desenvolvéronse á par que o campus de Lugo".

investigación. Monserrat Valcárcel lembrou que no recente proceso para a acreditación da súa especialización o Campus Terra convidou a directivos de varias empresas e estes coincidiron en salientar que "a súa innovación e investigación ía moi á par co campus de Lugo", o que para a vicerreitora supón "un grande orgullo".

Precisamente en materia de investigación a vicerreitora de coordinación salientou nestas xornadas que existe "un abano bastante grande de proxectos" de investigación, que son un referente. Citou desde os vencellados coa Aula de Produtos Lácteos e a granxa experimental de Castro de Ribeiras de Lea, que funciona desde o pasado mes de decembro, ata a madeira con Pemade, a acuicultura na facultade de Veterinaria ou o mestrado de actividades na natureza de Formación do Profesorado, entre outros.

Valcárcel sostén que o de Lugo debe ser "un campus vivo" e que a súa oferta académica "se adapte ao que demanda a sociedade". Non se conforma só con que sexa referencia a nivel galego para o sector primario. "Aspiramos a superar esas fronteiras e a internacionalización, que quedou coxa pola pandemia, é moi impotante", dixo a vicerreitora, que lembrou que recibían "unha gran cantidade de estudantes" de fóra e que existe "unha forte relación dos nosos investigadores con algúns países, sobre todo iberoamericanos".

O Campus Terra está a deixar de ser un descoñecido. Valcárcel asegurou que se está "avanzando" na apertura da Universidade á sociedade e que "tamén se xerou un interese por parte da sociedade por coñecer o que nós ofertamos".

"Canto máis se coñeza o campus de Lugo máis se valorará, máis se valorarán os laboratorios que temos, a capacidade que temos de transferencia cara aos sectores produtivos, a oferta de graos, mestrados... Conseguindo maior interacción coa sociedade luguesa conseguimos tamén que sexa mellor valorado", afirmou.

Este é o segundo curso condicionado pola pandemia. A vicerreitora dixo que o campus ten "realidades distintas", porque hai facultades "con espazo suficiente, nas que se optou por ter clases presenciais, e mesmo se adaptaron auditorios e salóns de actos", e outras "con moito alumnado e pouco espazo, como Formación do Profesorado", onde se combinan con telemáticas.

Valcárcel, que agarda que o próximo curso se desenvolva "case con normalidade plena", salientou "o comportamento exemplar" de toda a comunidade universitaria, sobre todo dos alumnos, e que "en pouco tempo se avanzou moito na dixitalización".

O curso que vén implantarase en Lugo unha nova titulación: Xestión Cultural

A oferta académica do campus lucense vaise ampliar o próximo curso co novo grao de Xestión Cultural, que, segundo explicou a vicerreitora, "cubre a parte de Humanidades que non se actualizara nos últimos tempos".

Espérase que esta nova titulación teña tan boa acollida como sucedeu coas dúas implantadas no presente curso, Bioquímica e Empresa e Tecnoloxía. Ambas completaron na primeira convocatoria as prazas que ofertaban, como sucedeu o curso pasado con Robótica.

Valcárcel salientou que no caso de Bioquímica «demanda uns laboratorios punteiros, que se van cubrir de cara ao curso que vén» e no de Empresa e Tecnoloxía que é unha titulación que "hai poucas universidades en España que a impartan".

"Estas últimas titulacións son demandadas e respondemos así ao que quere a sociedade", afirmou a vicerreitora.

A recuperación do anfiteatro e o traslado de Formación do Profesorado

O campus de Lugo ten enriba da mesa outros dous proxectos. Por unha banda, a recuperación do anfiteatro, que se atopa a carón da facultade de Administración e Dirección de Empresas (Ade). Despois de anos en desuso, esta infraestrutura que adoita ser as fins de semana escenario de botellóns xuvenís vai acoller, en colaboración coa Deputación de Lugo, actividades culturais ao aire libre, "algo tan demandado durante a pandemia".

O outro proxecto, "a máis longo prazo", é o traslado de Formación do Profesorado ao corazón do campus para que haxa "unha maior interrelación do alumnado". O céntrico edificio da Avenida de Ramón Ferreiro queda pequeno para os seus 900 alumnos. Cando marche esta titulación, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai aproveitar para reformar as instalacións para que alberguen un novo instituto de secundaria, que tanto precisa a zona sur da capital lucense.

Un motor económico con 4.000 alumnos
O campus de Lugo supón "unha terceira parte" da Universidade de Santiago de Compostela. Conta cuns 4.000 alumnos, lonxe dos 11.000 que chegou a ter hai dúas décadas cando se produciu "o auxe da natalidade", segundolembraba Monserrat Valcárcel.
Titulacións
Orientado ao sector primario, oferta 17 titulacións e dous dobres graos. A vicerreitora de coordinación sinalou que o campus "pasou duns anos en que non se cubrían as prazas ofertadas a agora que practicamente se cubren todas". Salientou ademais que a maioría dos egresados quedan despois traballando en empresas lucenses.
 

Comentarios