"A cadeira de rodas 'desaparece' cando os pacientes xa te coñecen"

Sabina Casalderrey, futura médica de Familia que se forma en Lugo, deu o martes un dos discursos de benvida aos 49 novos residentes
A médica Sabina Casalderrey, nun corredor del Hula. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera A médica Sabina Casalderrey, nun corredor del Hula. VICTORIA RODRÍGUEZ

A Sabina Casalderrey pásalle cos pacientes un pouco o que lle pasa cos compañeiros: produce unha inicial sorpresa que se torna en normalidade co trato. "Aos pacientes chámalles a atención a cadeira de rodas, sorpréndense, váiselles a mirada a ti, pero iso é só ao principio. Cando xa te coñecen é como se desaparecese", admite esta residente de Familia case de segundo ano -será R2 en xullo- na área de Lugo.

Unha caída aos 11 anos é a causa da súa discapacidade. Admite que, aínda que non decidiu ata cuarto de Eso que estudaría Medicina, ese problema de saúde na infancia e a obrigada relación que tivo que iniciar entón cos sanitarios e os hospitais acabou influíndo na súa elección. "Gústame o ambiente do hospital e gústame ser médico", explica.

Esta cambadesa tiña clarísimo que quería unha especialidade xeneralista e coa que mantivese un contacto continuado cos pacientes, que é a razón pola que elixiu Medicina Familiar e Comunitaria. Tamén sabía que quería estar preto da súa familia. Non só tiña que ser Galicia senón tamén as áreas máis próximas a Cambados. Quedaron Pontevedra, Santiago e Lugo como finalistas. "Chamei a todas as unidades de docencia para ver o que ofrecían", admite. Acabou en Lugo e recoñécese moi satisfeita.

"Que lles diría aos futuros médicos sobre Lugo? Que é unha área onde os residentes vanos axudar en todo o que necesiten. Que a xente é moi amable. Eu teño moita sorte co meu titor. Que o hospital é novo, con tecnoloxía moi avanzada, que ao mellor é algo que moitos non saben. Que verán moita patoloxía diferente tanto no centro de saúde como en Urxencias. Que para aprender moito e ben Lugo é un sitio bo", aseguraCasalderrey, que onte -xunto con David Varela e Fátima Penas- deu o discurso de benvida aos 49 residentes que se incorporaron á área de Lugo, entre os que se atopan 16 de Familia.

CIDADE. Non só está desfrutando da súa actividade formativa e laboral, senón tamén da propia cidade, da que ten unha percepción magnífica. Pensa que é "unha cidade moi especial", con xente acolledora e amable. Como explica que os seus únicos problemas para cursar a carreira tendo unha discapacidade física foron "arquitectónicos" é case obriga preguntarlle polos inconvenientes que se atopa vivindo en Lugo, especialmente polos arquitectónicos. "Arquitectonicamente Lugo está xenial, eu vivo no centro, dentro de murallas e salgo soa sen problema algún. Móvome por todo o centro sen inconvenientes. Nalgunha tenda ás que vou habitualmente, que están neses locais máis vellos que teñen un escalón, sácanme a rampla e axúdanme sempre", conta. Ao hospital o ao centro de saúde vai en coche. "Tamén á miña familia lle gusta moito Lugo, agora veñen a menudo de visita", explica.

Pese ao entusiasmo co que fala de vivir e traballar nesta área sanitaria, cando se lle plantexa que ao mellor ao finalizar a residencia pode quedar en Lugo como adxunta, enseguida pisa o freo. "Non sei que farei ao rematar. Estou moi contenta pero tamén me gustaría volver a Cambados", lembra.

Tampouco ten claro de todo cal será o seu destino como médica de Familia. Os facultativos desa especialidade non teñen como única saída os centros de saúde, senón tamén as urxencias de Primaria nos PAC ou as Urxencias hospitalarias, ademais de Hospitalización a Domicilio. "Non sei o que farei, dependerá de como estean as condicións da Primaria. O que teño claro é que a miña prioridade non é nin o prestixio nin as condicións económicas senón a familia", di.

Gústalle a consulta no centro de saúde, pero tamén as gardas de porta en Urxencias, un servizo do que aprecia "a adrenalina".

De todas esas cousas que unha non sabe de si mesma ata que as afronta, eses descubrimentos que se fan cando ao fin empeza a exercer daquilo para o que se estudou, o que máis lle chamou a atención foi que traballa ben baixo presión. É quen de responder e non bloquearse.

Aos novos residentes aos que se dirixiu onte animounos a apoiarse uns noutros, a contar cos demais para comentar dúbidas ou inquedanzas dalgún caso. "Pode que na carreira se vaia máis por libre, pero na residencia non é boa idea. Díxenlles que non tivesen medo a pedir axuda e que fosen ao seu ritmo, non teñen que saber máis que os demais, cada un vai ao seu ritmo", apunta.

A médica cambadesa e os seus dous compañeiros dirixíronse a un total de 49 residentes, dos que 38 son médicos, 8 son enfermeiros que se especializarán en diferentes áreas, incluidos dous de Familia, dous son farmacéuticos e un é psicólogo. Pasarán os próximos anos formándose nos centros da área sanitaria.

Comentarios