"Cada vez que se achegan eleccións a Xunta presenta proxectos que nunca se executan”

Rubén Arroxo amosouse crítico co plan da futura praza que ocupará o lugar da estación de autobuses
El teniente de alcalde y responsable de Mobilidade en el gobierno local, Rubén Arroxo. CONCELLO
photo_camera O Tenente de Alcalde e responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo. CONCELLO

O Tenente de Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, criticou a presentación por parte da Xunta de Galicia do proxecto para a futura praza que ocupará o lugar da actual estación de autobuses. Segundo Rubén Arroxo, "resulta curioso que cada vez que se achegan eleccións, e especialmente de cara ás eleccións galegas, o goberno da Xunta presenta proxectos para Lugo que despois nunca se executan". 

"En máis de 10 anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia, ante cada convocatoria electoral, vimos como se presentaban proxectos como a Intermodal, o Cuartel de San Fernando e nesta ocasión a praza da Estación do Bus", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "unha e outra vez as veciñas e veciños de Lugo atopámonos con que o Partido Popular só vén a Lugo a vender fume con proxectos que, unha vez pasan as eleccións, quedan totalmente abandonados". 

O Tenente de Alcalde afirmou que "desde o goberno municipal estamos a traballar en transformar a cidade de Lugo, con accións que son claramente visibles pola veciñanza, mentres que desde o Partido Popular se venden grandes proxectos que nunca se chegan a materializar". Segundo Rubén Arroxo, "12 de xullo temos que abrir unha nova etapa e reparar estes 10 anos de abandono aos que Lugo estivo condenado coa Xunta de Galicia gobernada polo Partido Popular".