Cada día nuevos horizontes

A actividade segue frenética en Xuvenciencia, o campus científico para estudantes de ensino secundario que organizan docentes da USC. Os participantes puideron aprender a facer aspirinas, valorar a información nutricional, deseñar solucións creativas ou catar alimentos, entre outras moitas cousas
Obradoiro contra a dor de cabeza
photo_camera Obradoiro contra a dor de cabeza

O campus científico Xuvenciencia, que organizan docentes do campus lucense e co que colabora El Progreso, atravesou onte o seu ecuador cun ritmo intenso de actividades. Os 120 participantes repartíronse en distintos obradoiros, que se desenvolveron na facultade de Ciencias, Administración de Empresas e Veterinaria.

En Ciencias, a xornada comezou cunha demostración de química espectacular, á que seguiu outra sobre robótica. Alí coñeceron o robot Pionneer 3DX e o humanoide NAO, cos que puideron interactuar e, de paso, coñecer todos os desafíos desta rama da tecnoloxía: que sexan capaces de aprender por si mesmos e das súas experiencias, ser conscientes de onde se moven ou recoñecer persoas.

Nos modernos laboratorios da facultade algúns dos participantes tomaron parte nun obradoiro de elaboración de aspirina. Non só aprenderon a súa composición química e como facela, senón tamén a detectar o ácido-acetilsalicílico nun composto e a encapsulalo.

Moitos participantes coñeceron de primeira man o funcionamento do humanoide NAO e os desafíos da robótica

Entre matraces e pipetas, os rapaces desfrutaron enormemente. A Iago Rigueiro, estudante do IES Feminino e a súa compañeira Paula López pareceulles «xenial», igual que todo o que levan vivido no campus. Iago ten claro que fará Física, pero Paula so sabe que estudará algo da rama biosanitaria, así que este contacto con distintas áreas pódelle ser de axuda. Os dous se apuntaron a Xuvenciencia porque «as prácticas no instituto son moi escasas».

En situación moi parecida se atopa María Neira, que sopesa facer Psicoloxía pero, despois de participar nun proxecto sobre patóxenos en Veterinaria non descarta valorar tamén esta carreira porque lle encantou.

Noutro mostrador traballaban Isabel Diéguez e Patricia Carral, dúas amigas de Rodeiro que viñeron ao campus científico despois de oír as boas referencias que lles deu unha amiga que estivo o ano pasado e que repetiu este tamén. Veñen, como moitos dos seus compañeiros, «experimentar porque no instituto non o facemos moito» e probar cousas distintas que lles axuden a decidirse por unha carreira.

Noutras dependencias de Ciencias organizouse un obradoiro de nutrición, no que os participantes puideron pesarse, medirse e coñecer o seu índice de masa corporal para determinar se están ben nutridos.

científico-social. En Ade levouse a cabo un dos obradoiros da rama científico-social, unha das novidades desta edición de Xuvenciencia. Alí, varios participantes aprenderon as bases do ‘design thinking’, a importancia de desenvolver o potencial creativo e os distintos tipos de intelixencia que hai e a súa importancia. Despois desta introdución teórica, tiveron que traballar en grupo para definir un problema, aportar solucións creativas e facer un prototipo para expoñelas.

Neste grupo participaron, entre outros, Paula Seoane, de Castro; Mateo Bande, de Lugo; Alba García, de Vigo, e Noemí Vila, de Meira, todos eles convencidos de querer estudar carreiras de Ciencias Sociais ou Humanidades. Para Paula, o campus científico está cumprindo amplamente as súas expectativas «e incluso as supera», indicou. Dío porque o proxecto no que se integrou, para leer textos históricos no Arquivo Histórico Provincial, estalle parecendo «realmente moi interesante».

En Veterinaria tamén se organizaron onte varios obradoiros, nos que traballaron sobre as enfermidades animais, as proteínas do leite e o iogur, o sabor dos alimentos ou as bacterias e virus patóxenos, entre outros coñecementos.