O bus urbano de Lugo aínda non recuperou os niveis de uso precovid

O servizo acaba de incorporar unha ferramenta que permite saber, en tempo real, cando pasará o bus polas 275 paradas que hai na cidade
Arroxo, este xoves, nun bus urbano. EP
photo_camera Os concelleiros Rubén Arroxo e Álex Penas, cun membro de Monbus. EP

O servizo de bus urbano de Lugo segue sen recuperar o número de viaxeiros que tiña antes da pandemia, a pesar da reorganización das liñas que se levou a cabo este verán, pero segue incorporando melloras que pretenden facilitar o seu uso, como unha ferramenta para saber, en tempo real, canto tardará en pasar.

O bus urbano de Lugo rexistrou en outubro unha media de 6.500 usuarios ao día, fronte aos 8.000 que viña tendo no ano 2019, sinalou onte o primeiro tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, responsable da mobilidade municipal. O concelleiro apuntou que a caída, de algo máis do 18%, é menor á que se produxo de media en España, que segundo o Instituto Nacional de Estadística (Ine) foi do 24%.

Respecto á ferramenta que acaba de entrar en funcionamento, permite obter información de 275 paradas —todas as do ámbito urbano— das preto de 400 que hai. Non é a través dunha  app, o sistema máis habitual, senón que hai que acceder á páxina web www.urbanoslugo.com e picar na pestana Info en tiempo real.

No mes de outubro, o bus urbano de Lugo rexistrou uns 6.500 viaxeiros diarios, fronte aos 8.000 que viña tendo antes da pandemia

Este sistema permite saber desde calquera localización, como a casa ou o traballo, a que hora vai pasar o bus por esas paradas. Súmase á información que se pode consultar, tamén en tempo real, nas pantallas que hai en 23 paradas, as máis usadas, e nos códigos QR que hai noutras, para descargar e ler a través do teléfono móbil. Esta información afinouse nas últimas semanas ao entrar en funcionamento o Sae (Sistema de Axuda á Explotación), que permite saber en cada momento onde están os vehículos e fai rexistro, de maneira que se poden consultar incidencias pasadas cando, por exemplo, os cidadáns presentan queixas.

A ferramenta ten algunha particularidade que xera dúbidas sobre o seu funcionamento. Se o bus acaba de pasar por unha parada, non figura na mesma ata que está a piques de rematar a ruta e de volver a iniciar o percorrido. Por este motivo, e dependendo do momento en que se faga a búsqueda, moitas paradas aparecen baleiras.

Este é un dos aspectos que quizais cómpre revisar, segundo indicou Arroxo, ao igual que a posibilidade de que a consulta poida facerse directamente a través dunha app e que esta información se inclúa en Google Maps. En realidade, na cidade xa funciona unha ferramenta deste tipo, de iniciativa privada e tamén de uso gratuíto, a popular Moovit. É a aplicación de transporte público e mapeo máis usada no mundo. É de orixe israelí e informa o usuario, a través do teléfono móbil, de como pode chegar ao seu destino a pé, en coche ou bus. Neste caso, indica a parada máis cercana e a hora de paso do autobús, aínda que non en tempo real.

Lugo segue a ser a cidade co bus máis barato
Lugo segue a ser a cidade española co bus máis barato, 64 céntimos, fronte aos 2,40 euros de Barcelona, segundo o último estudo da organización de consumidores Facua. Nalgúns casos hai que facer agora máis transbordos ca antes e de momento págase por eles, pero isto cambiará o ano que vén, sempre e cando se use a tarxeta moedeiro.  Arroxo sinalou que os buses de Lugo teñen a capacidade de renovar a totalidade do aire interior en menos dun minuto, polo que é un transporte seguro, destacou.

 

Axustes pero sen máis quilómetros
Arroxo volveu defender a bondade da reorganización das liñas de bus que se levou a cabo este verán, dentro das limitacións de quilómetros que ten o contrato que o anterior goberno adxudicou a Monbus e que o actual descarta ampliar. Cre que podería motivar recursos das empresas que competiron no seu momento. O edil reiterou que se farán axustes alí onde se vexa necesario e onde sexa posible, como a liña 5, que ten un percorrido longo e acumula bastante retraso ao longo do día.

 

Máis veciños conectados e outros prexudicados
O criterio que seguiu o goberno para reorganizar as liñas foi o de dar máis servizo ás zonas da cidade máis poboadas e aos lugares a onde se producen máis desprazamentos, como o Hula, os polígonos industriais e o campus universitario.
Pola contra, as frecuencias e os percorridos empeoraron nalgúns barrio, como A Campiña e Albeiros, zonas onde hai menos usuarios, pero ás veces máis fieis e de máis idade e con máis necesidade de transporte por falta de servizos.

Comentarios